Apoio do BNG aos afectados polas preferentes

Apoio do BNG aos afectados polas preferentes

O BNG expresa o seu apoio aos afectados pola estafa das preferentes que esta semana están a mobilizarse ante a oficina de Novagalicia Banco de Gondomar, sucursal en que se tramitaron estas participacións a pequenos aforradores que non foron informados do risco da operación que contrataban.

Este mércores 7 de novembro os afectados reiteraban as súas protestas ante a oficina de Novagalicia Banco en Gondomar. O BNG xa organizara no mes de abril un acto coas persoas afectadas para trasladarlle as nosas propostas e poñernos á disposición dos afectados.

Hoxe mesmo, o deputado do BNG Francisco Jorquera afirmou en declaracións aos medios de comunicación que “os directivos puideron saquear a caixa porque a Xunta non exerceu as súas funcións de supervisión e mesmo blindou a súa permanencia nos cargos”.

O BNG, tal e como subliñou o deputado nacionalista, “se congratula pola decisión adoptada polo xuíz da Audiencia Nacional de estabelecer unha cuantiosa fianza a catro ex directivos das caixas galegas”. Jorquera lembrou que o xuíz fundamentou a súa decisión en que había indicios serios de criminalidade por parte dos ex directivos e, tal e como indicou o deputado do BNG, “agora a xustiza debe actuar con todas as consecuencias á hora de depurar as responsabilidades de índole penal nas que puidesen ter incorrido”.

Francisco Jorquera fixo especial fincapé nas responsabilidades de índole política e por iso afirmou que “debe constituírse xa a comisión de investigación sobre as caixas galegas en canto se constitúa o Parlamento Galego”.

Para o BNG, “é evidente que a Xunta de Galiza non exerceu debidamente as súas funcións de supervisión sobre as caixas galegas e esa inhibición permitiu que os ex directivos saqueasen esas entidades e con iso os cartos de milleiros de galegos e galegas”.

Fracisco Jorquera quixo lembrar finalmente que a Xunta segue inhibíndose xa que Julio Fernández Gayoso “segue sendo directivo da fundación Novagalicia Banco e reclamamos da Xunta que exixa a súa saída inmediata da dirección e que lle demande responsabilidades”.

Apoio do BNG aos afectados polas preferentes