O BNG denuncia as deficiencias do servizo eléctrico en Gondomar

O BNG denuncia as deficiencias do servizo eléctrico en Gondomar

posteO BNG denuncia que varias parroquias de Gondomar volven sufrir continuos cortes de luz. Neste concello, todos os anos hai cortes de luz no inverno, coincidindo coas treboadas. Mais o acontecido nos últimos días aseméllase á situación vivida hai dez anos, en que chegou a haber cortes de varios días.

Os cortes de luz en Gondomar estanse a producir fundamentalmente nas parroquias de Peitieiros, Couso, Morgadáns e Chaín. Nos últimos 45 días lévanse cando menos 5 cortes. Desde o 23 de decembro, data na que se produciu o corte de maior período de tempo, de máis de 6 horas, até o xoves 6 de febreiro, data na que se produciu o último, cunha duración de apagón de máis de hora e media.

Certo é que case sempre os apagóns se dan en días de temporal (o do día 23 de decembro foi moi grande), pero ás veces sucede con simplemente catro pingas e cunha brisa lixeira. Ademais, noutras zonas do concello tamén fai o mesmo tempo é non quedan sen luz.

Disque todos os cortes de subministro se producen por avarías nunha mesma zona, concretamente, en Valadares e, en moitas ocasións, na liña 8 de Valadares (información proporcionada por Gas Natural-Fenosa), motivados por caídas de árbores sobre as liñas que discorren polo monte. Como consecuencia disto, prodúcense explosións en transformadores situados en zonas habitadas, coa conseguinte preocupación da veciñanza polo perigo que isto entraña. Esta situación non se produciría se a liña fose soterrada, o que sería o máis recomendábel. Porén, a área de Vigo, a principal cidade de Galiza, vive no atraso no que a tendido eléctrico se refire, algo inconcibíbel se consideramos que estamos nun país que produce enerxía eléctrica e que é excedentario. É inamisíbel que sendo produtores de enerxía non só teñamos que pagar unhas tarifas abusivas e iguais aos territorios non produtores e que importan enerxía eléctrica, senón que ademais teñamos unhas instalacións obsoletas que non cumpren uns mínimos de calidade nin dan o servizo que a cidadanía precisa.

Ante esta situación o BNG xa presentou unha pregunta no Parlamento Galego, a través de Carme Adán, para saber se o Goberno coñece os motivos dos cortes de subministro eléctrico nestas parroquias e que medidas vai adoptar para amañar esta situación. Neste sentido, o BNG tamén presentou unha moción para debater no pleno municipal do Concello de Gondomar. Ademais o BNG realizará unha charla informativa nos vindeiros días para informar da situación e das xestións realizadas.