RECLAMAMOS DO GOBERNO MUNICIPAL QUE HABILITE ZONAS DE APARCAMENTO LIBRE E REGULE O APARCAMENTO NAS RÚAS MÁIS CÉNTRICAS.

O BNG de Gondomar reclama que se habiliten zonas de aparcamento

IMG_20170830_200427
O BNG de Gondomar reclama que se habiliten zonas de aparcamento

A situación do aparcamento en Gondomar só pode ser cualificada de auténtico caos. Un caos que se incrementa durante o verán, as festividades, ou as mañás, cando a veciñanza do concello precisa acudir ao núcleo urbano para a realización das compras e xestións diversas, como acudir ao médico, ao banco ou ao concello. Este caos está provocado porque en Gondomar somos deficitarios en aparcadoiros. Non se crean zonas para deixar os vehículos tendo en conta a poboación do concello, nin se regulan as que existen, de xeito que os atascos, a ralentización da circulación e a dificultade nas manobras son o pan de cada día.

Para o BNG de Gondomar non estamos ante unha cuestión menor, senón ante un índice da calidade de vida do concello, e considera que urxe adoptar medidas, antes de que os conflitos entre a veciñanza por mor do aparcamento salvaxe sexan máis acuciantes, ou as veciñas e veciños decidan ir a outros concellos a realizar as súas compras e xestións ante as dificultades para aparcar en Gondomar.

O BNG considera que o modelo é o veciño concello de Tomiño, onde se crearon zonas de aparcamento libre de tempo nas proximidades do núcleo urbano (polo menos tres aparcadoiros) e onde se regula o aparcamento nas rúas do centro por medio de discos de aparcamento gratuítos, que se poden recoller no concello, e que se colocan no vehículo mostrando a hora de chegada e a hora de saída. E todo isto sen custe ningún para a veciñanza.

O BNG entende que ese é un modelo axeitado e que Gondomar debe tomar exemplo, por iso empraza ao goberno municipal a que regule esta situación de maneira urxente.

O BNG de Gondomar reclama que se habiliten zonas de aparcamento