O BNG pide ao pleno municipal que se posicione en favor da igualdade

O BNG pide ao pleno municipal que se posicione en favor da igualdade

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar rexistrou unha moción no Concello para solicitar que a corporación municipal manifeste o seu total rexeitamento á reforma da actual lei do aborto, e que inste á Xunta de Galiza a retirar as leis galegas de apoio á muller embarazada e de apoio á familia e á convivencia, por non dotaren de servizos nin recursos ás mulleres que queren exercer o seu dereito á maternidade e por suporen un retroceso de décadas na igualdade. Estas leis, aprobadas polo goberno de Núñez Feijóo, constitúen un adianto da ideoloxía que o PP vén de plasmar no Anteproxecto de lei orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada, que realmente o que fai é penalizar as mulleres que exerzan o seu dereito á interrupción voluntaria do embarazo.

A organización nacionalista denuncia que, baixo esta ficticia protección da maternidade, o que se agocha é un intento de voltar á concepción tradicional da familia patriarcal, eliminando a corresponsabilidade e facendo recaer sobre as mulleres as tarefas de coidado das crianzas e das persoas dependentes. Esta ideoloxía acha un caldo de cultivo ideal nunha situación de desemprego xeneralizado e de recortes nos servizos públicos. O goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, financia con cartos públicos programas de apoio ás mulleres xestantes de Galiza que, na súa maioría, están xestionados por ordes relixiosas e/ou grupos contrarios ao dereito ao aborto. Entrementres, cada vez se fan máis restritivos os requisitos da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos, instáurase o repago dos comedores escolares, limítase o horario das escolas infantís públicas, amortízanse as prazas de matrona, non se substitúen os/as pediatras, elimínase a gratuidade dos libros de texto...

As políticas de Núñez Feijóo significan un enorme retroceso nas políticas de igualdade dos últimos anos e un paso atrás importante na escasa concienciación acadada na sociedade galega até este momento. Neste contexto, a celebración do 8 de marzo non pode converterse nunha data de celebracións rituais e hipócritas, baleiras de contido, senón que agora, máis que nunca, é unha data en que tamén as institucións deben mostrar con clareza o seu compromiso co avance no recoñecemento dos dereitos das mulleres e de denuncia da involución que se está a producir en todos os ámbitos. Por esta razón, o Bloque Nacionalista Galego insta ao pleno municipal de Gondomar a posicionarse en favor da igualdade, esixindo a retirada inmediata das leis galegas e estatais que discriminan as mulleres.

O BNG pide ao pleno municipal que se posicione en favor da igualdade