Dúas novas mocións ao Pleno de Gondomar

Dúas novas mocións ao Pleno de Gondomar

indultoO Bloque Nacionalista Galego ven de presentar dúas mocións para o seu tratamento no Pleno do Concello de Gondomar. Por un lado, solicita do Pleno instar á Xunta de Galiza a demandar do goberno do Estado a rebaixa do IVE do 21% que actualmente se aplica ao sector dos salóns de peiteado, debido ás negativas consecuencias xeradas pola aplicación do Real decreto 20/2012, de 13 de xullo, que provocou o peche de miles de estabelecementos e a perda de miles de postos de traballo.

O sector dos salóns de peiteado é outro dos que se veu prexudicado polo acordo do goberno do PP no Estado español, que modificou o seu carácter de sector beneficiado pola aplicación dun IVE reducido, pasando do 8% que se aplicaba até o desorbitado imposto do 21%. Este sector, de importante actividade económica, xera moitos postos de traballo e posúe un gran dinamismo. Nestes momentos o sector encóntrase lastrado non só polas consecuencias da profunda crise económica senón pola medida antisocial adoptada polo goberno do PP de incrementar o IVE abusivamente, unha medida que as persoas deste ámbito laboral padecen desde hai case dous anos.

A gravidade do feito está a provocar o peche de moitos estabelecementos, a perda de postos de traballo e a perda de clientes pola contención do consumo pola forte suba final do prezo nas perruquerías. Este feito provocou tamén o aumento exponencial da economía somerxida e aqueles que aplican o desmesurado IVE do 21% acaban tendo graves problemas económicos, mentres crecen os negocios ilegais de ámbito doméstico. Segundo os datos do sector, o pasado 2013 pecharon 8.000 salóns de perruquería e estética no conxunto do Estado español, e as previsións indican para este ano preto de 6.000 negocios.

Por outro lado, o BNG local insta ao Concello de Gondomar a declararse a favor de que o Consello de Ministros conceda o indulto para Carlos Rivas Martínez e Serafín Rodríguez Martínez, sindicalistas condenados inxustamente a penas de tres anos prisión pola súa participación nunha folga do transporte no marco da negociación do convenio colectivo de Pontevedra. Esta petición de indulto é avalada pola sinatura de miles de cidadáns e cidadás que consideran esta condena de carácter ideolóxico, coa que se pretende criminalizar e reprimir as protestas da clase traballadora e que os movementos sociais e sindicais non lles fagan fronte ás políticas regresivas en dereitos. Esta decisión do Consello de Ministros contrasta coa laxitude coa que lles concede indultos a persoas condenadas por delitos de corrupción como banqueiros ou cargos políticos.

Deste xeito, tal e como denuncian desde as tres centrais sindicais maioritarias, os dous traballadores afectados atópanse á espera, tras da suspensión de execución da pena imposta mentres se tramita unha nova petición de indulto, da decisión ministerial que evite a súa entrada en prisión. Ante esta situación, o BNG considera que o Pleno do Concello de Gondomar, como representante da cidadanía do noso concello debe pronunciarse inequivocamente a favor de que o Consello de Ministros tome en consideración a petición que acaban de reiterar os sindicatos maioritarios e miles de galegos e galegas.