Por un Gondomar limpo

Por un Gondomar limpo

O BNG esixe que o Concello manteña limpa a vila de Gondomar e as parroquias

 - O BNG de Gondomar presentou no Concello unha emenda á Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola recollida do lixo, de acordo co período de información pública aos efectos de reclamacións e suxestións.De acordo co xa manifestado publicamente polo BNG despois da aprobación da Taxa do lixo polo Pleno do Concello de Gondomar o pasado día 5 de xullo, a emenda presentada emana da consideración da actual situación de crise económica e da comprobación da dotación de contedores de lixo de Gondomar. Na súa emenda o BNG propón:

1.    Que se recolla o fraccionamento do pago da taxa do lixo.

2.    Que se apliquen tarifas reducidas nas vivendas con todos os seus membros no desemprego, establecendo unha cota simbólica.

3.    Que se recolla a realización dunha campaña de información.

4.    Que se recolla unha periodización en prazos para o aboamento da débeda cando se produza un impago.

5.    Que se estableza unha dotación mínima de contedores de diferentes tipoloxías. Todas as parroquias deberán contar cun mínimo de dúas illas de contedores de todos os tipos:  orgánico, plástico, papel, vidro, aceite, pillas. Nestas illas tamén se habilitará unha zona para restos vexetais e os inertes que se especifiquen, para o que se establecerá un calendario de depósito e recollida que estará debidamente anunciado na zona.

En relación con isto último o BNG quere chamar a atención do goberno municipal sobre o abandono dalgúns puntos tanto na vila, como nas parroquias. Calquera día pódese comprobar a falta de regularidade na limpeza de papeleiras e contedores, e así as e os veciños de Gondomar atopamos lixo ao redor destas papeleiras que non foron baldeiradas, ou dos contedores. Cómpre chamar a atención sobre o feito de que non hai suficientes contedores de vidro, pois en moitos casos atopamos vidro ao pé do colectores habituais verdes e amarelos, ou que non está debidamente regulado e con coñecemento da cidadanía o depósito e recollida de restos vexetais e inertes. De aí a importancia do sinalado na emenda á ordenanza.

O BNG de Gondomar lémbralle ao concello que a xestión do lixo non consiste en establecer unha taxa recadatoria, senón en xestionar debidamente a recollida, garantindo que sexa unha recollida selectiva e procurando a limpeza de papeleiras e contedores, e ese traballo correspóndelle ao Concello que non o está a realizar como sería preceptivo e todos e todas podemos ver.