Por un hospital público

Por un hospital público

hospital

O Bloque Nacionalista Galego presentou no Concello de Gondomar, xa hai varias semanas, a moción acordada entre a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PDSP) e distintos grupos municipais en que se propoñía o seguinte:

* Demandar da Xunta de Galiza a posta en marcha dun hospital 100% público, para o conxunto da cidadanía da Área Sanitaria de Vigo, con todos os servizos, incluído o Laboratorio Central, e coa capacidade e recursos materiais e humanos suficientes para dar resposta ás necesidades presentes e futuras da nosa área sanitaria.

* Demandar das autoridades competentes no transporte, a adopción de medidas que permitan establecer unha rede de transporte público específico para o acceso aos Hospitais da nosa área sanitaria, especialmente ao Novo Hospital. Esta rede ten que garantir un sistema de transporte coordinado e intermodal, máis alá dos concellos onde residan as usuarias e usuarios, sexa na área metropolitana ou fora dela.

* Que as Corporacións Municipais apoien a manifestación convocada pola Xunta de Persoal do SERGAS, co apoio de SOS Sanidade Pública, que se celebrará o día 3 de setembro, data na que pechará o Hospital Xeral, ás 8 da tarde desde diante das urxencias do H. Xeral, na rúa Pizarro en Vigo.

O BNG insta ao goberno municipal de Gondomar a que apoie e promova a participación na manifestación por un Hospital 100% público convocada para o día 3 de setembro

Nestes días, coa posta en marcha do Hospital Álvaro Cunqueiro, quedaron patentes as múltiples deficiencias deste servizo así como o nivel de privatización do novo Hospital, con consecuencias importantes para os usuarios e usuarias: defectos construtivos, malas comunicacións, carencia de servizos… por non falar dos dispendio que lle significa ás persoas usuarias a opción única do aparcamento de pago. Todos estes feitos poñen en evidencia cal é a política sanitaria do Partido Popular e as intencións ocultas na construción deste novo hospital: a privatización dos servizos sanitarios, convertendo a nosa saúde no seu negocio.

O BNG defende unha sanidade 100% pública e de calidade, por este motivo considera imprescindíbel apoiar a mobilización convocada e reclama do Goberno municipal de Gondomar que así o faga, tal e como se reclama na moción.