Mocións do BNG sobre financiamento local

Mocións do BNG sobre financiamento local

concello_gondomarO BNG reclama do Alcalde de Gondomar dúas mocións que palíen a precaria situación económica do concello e que se redacte unha nova lei de Financiamento Local. Ante a precaria situación económica en que se atopan os concellos galegos por mor das distintas medidas que se veñen aplicando desde o goberno do Estado e da Xunta de Galiza o BNG reclama do Pleno do Concello de Gondomar que tome o seguinte acordo:

- Instar á Xunta de Galiza a que tome as medidas oportunas para que todas as subvencións finalistas en concorrencia competitiva dirixidas aos concellos que puideren ser posíbeis, sexan derivadas para incrementar o Fondo de Cooperación Local.

- Instar á Xunta de Galiza a que realice un reparto máis xusto do Fondo de Compensación Ambiental, incrementando o que corresponde aos concellos que, na parte que puider ser posíbel, pase a incrementar, así mesmo, o Fondo de Cooperación Local.

- Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, grupos parlamentares no Parlamento de Galiza e FEGAMP.

Ao mesmo tempo, e ante a pretensión de levar adiante unha reforma local baixo o nome de Proxecto de lei de racionalidade e sustentabilidade da Administración local baseada nun único criterio, a estabilidade orzamentaria, un criterio falso tomado como desculpa para agochar a aplicación dunhas ideas políticas reaccionarias e claramente recentralizadoras que buscan eliminar toda capacidade de facer políticas alternativas desde o concello que palien os devastadores efectos que este austericidio da troika está a provocar, o BNG proponlle ao concello que adopte o seguinte acordo:

- Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado que adopte os criterios de dispersión e avellentamento da poboación para o reparto da Participación nos Ingresos do Estado (PIE), por se tratar de factores que repercuten de xeito determinante sobre o custo dos servizos que prestan os concellos galegos.

- Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado que redacte unha nova Lei de Financiamento Local que afronte os verdadeiros problemas dos concellos galegos.

- Trasladar o presente acordo ao presidente da Xunta de Galiza, grupos parlamentares no Parlamento de Galiza e ao presidente do goberno do Estado.