Na defensa do sector cultural galego

Na defensa do sector cultural galego

O BNG presentou unha moción para que o Concello de Gondomar impulse a presenza de propostas culturais galegas nas festas populares de Gondomar, vinculando as subvencións outorgadas con cargo aos orzamentos municipais á contratación de creadores, creadoras e artistas galegos. Ademais con esta moción reclámase que o concello de Gondomar inste á Xunta de Galiza ás seguintes actuacións:

1. Iniciar con urxencia un proceso de diálogo cos diferentes sectores e asociacións representativas da cultura galega, para consensuar medidas e actuacións en materia de política cultural.

2. Proceder a convocatoria urxente das diferentes redes de programación para o primeiro semestre de 2013 e iniciar a convocatoria da segundo semestre da programación da Agadic, negociando cos concellos e entidades representativas das artes escénicas e musicais os criterios e requisitos das redes, e garantindo unha dotación que permita unha programación cultural non inferior a de convocatorias anteriores.

3. Convocar no ano 2013 un programa, en colaboración cos concellos galegos, que promova a contratación de espectáculos de teatro, danza, narración oral, novo circo, maxia e concertos de música producidos na Galiza co obxectivo de promover a distribución de produtos culturais galegos e espallar a cultura entre os cidadáns e as cidadás galegos.

4. Rebaixar o orzamento adicado á Cidade da Cultura, destinando estes recursos á axudas aos diferentes sectores da cultura galega e á realización de actividades e difusión das producións culturais galegas no conxunto das aldeas, vilas e cidades galegas.

5. Estabelecemento dun programa de bono-cultura, que subvencione a adquisición de produtos culturais producidos en Galiza nos seus diferentes soportes, coa finalidade de reactivar a compra de produtos artísticos e culturais.

O BNG presenta esta moción en Gondomar, porque cómpre lembrar que o Concello de Gondomar forma parte desa Rede de Concellos que reciben programación cultural da Xunta de Galiza e do Agadic e porque non sempre contrata profesionais galegos nas diferentes actividades culturais programadas no concello.

Ante a situación pola que está a pasar a cultura galega o BNG está a presentar esta moción en todos so concellos para evitar o desmantelamento do sector e que os seus traballadores e traballadoras sigan engrosando as filas do paro.

A crise está afectando ao desenvolvemento dos diferentes sectores culturais que atravesan un momento crítico. Os últimos informes de organismos oficiais testemuñan a realidade desta afirmación. Así, o Consello da Cultura Galega (CCG) en relación coas artes escénicas, por exemplo, afirma que entre 2009 e 2011 perdéronse mil funcións de teatro. Desde 2009, o goberno do PP na Xunta de Galiza iniciou un claro proceso de desmantelamento da cultura galega. Situación que se agudizou nestes últimos meses coa parálise nas redes de programación da Xunta, sen xerencia desde outubro na Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), cos recortes brutais no apoio público á cultura galega e cunha ausencia total de diálogo co sector, como menosprezo patente do xeito de tratar aos nosos creadores e creadoras. O feito é de que a crise está sendo a coartada perfecta para levar adiante un programa de desmantelamento do noso sistema cultural. Unha estratexia do PP que entronca cos ataques á nosa lingua e ao todo o que nos identifica e define como un pobo con cultura propia. As consecuencias son visíbeis: paro, precariedade e emigración, para os nosos creadores e creadoras, empobrecemento da vida cultural galega e unha limitación do acceso á cultura para milleiros de cidadáns e cidadás.

Por este motivo o BNG presenta esta moción para procurar a implicación do Concello de Gondomar na defensa do sector cultural galego.