Contra a supresión de unidades escolares

Contra a supresión de unidades escolares

O BNG de Gondomar presentou unha moción contra a supresión de unidades escolares no ensino público


- O BNG de Gondomar presentou hoxe por rexistro unha moción para que o Concello de Gondomar adopte os seguintes acordos:




1. Que non se agrupe na mesma unidade alumnado de Educación Infantil e de Educación Primaria.
2. Que se doten os centros de ensino do persoal e dos recursos necesarios para a atención do alumnado con necesidades educativas especiais.
3. Que a Consellaría de Educación modifique a súa política educativa e garanta unha educación pública de calidade, dotando aos centros de ensino público do profesorado necesario para unha educación pública en condicións, e con especial atención aos concellos do rural.


O motivo polo que o BNG presenta esta moción é a decisión da Xunta de Galiza de suprimir aulas e realizar agrupamentos entre alumnado de diferentes niveis, ciclos ou mesmo etapas levándonos a un retroceso de máis de trinta anos, que impide incluso a conciliación da vida laboral e familiar de nais e pais. Esta medida está a ser respondida pola comunidade educativa e pola sociedade galega por resultar nociva para a educación pública e mortal no medio rural, pois a redución de aulas ou a desaparición de colexios contribúe ao seu despoboamento.



O goberno do PP na Xunta de Galiza impón medidas sen diálogo, mostrando a meirande insensibilidade, sen buscar solucións nin procurar alternativas, agás as que supoñen a desaparición do benestar e das condicións de vida de galegos e galegas que tiñan ganado até agora. Fai días morreu Preescolar na Casa, innovador, adaptado e sostíbel na realidade rural galega, sen que a Xunta movese unha pestana para salvalo, e agora tócalle a educación en xeral coa supresión de aulas de infantil, primaria e secundaria.



Na provincia de Pontevedra, a día de hoxe, 37 son as aulas suprimidas, algunhas delas no concello de Gondomar, sobre o que aínda non hai datos definitivos, pois a Consellaría oculta os datos de Secundaria; pero estes datos, poden verse incrementados unha vez que nos próximos días vaian aparecendo no Diario Oficial de Galiza as resolucións da Xunta.



A educación pública é o a única garantía da igualdade de oportunidades, por iso o investimento educativo é a ferramenta para pór os alicerces para a mellora social, sendo ademais un dos medios para saír da crise económica que vivimos.



En Galiza a educación pública xa sufriu un retroceso significativo desde 2009 logo da ocupación da Xunta polo PP e debido a súa política educativa de recortes e falta de atención e mentres isto sucede no ensino público increméntanse as unidades concertadas paras os centros privados e as subvencións encubertas para os mesmos ao tempo que se reducen as bolsas para o alumnado, as axudas aos comedores escolares, ao transporte escolar ou a eliminación de profesorado.

 

Contra a supresión de unidades escolares