O BNG esixe que o Concello garanta a seguridade do alumnado

O BNG esixe que o Concello garanta a seguridade do alumnado

peitieirosO BNG vai presentar un escrito dirixido ao Alcalde para que a Comisión de Goberno adopte a decisión de incluír entre as funcións da policía local de Gondomar a vixilancia do alumnado na saída dos centros escolares que o precisen, a comezar polo CEP Neira Vilas de Peitieiros.

Hoxe mesmo a ANPA do CEP Neira Vilas denunciaba esta situación: a ausencia da policía local na vixilancia e regulación do tráfico para garantir que o alumnado de Peitieiros accede en condicións de seguridade aos autobuses que os transportan aos barrios de Area e Fonte en Peitieiros e ás parroquias de Couso, Morgadáns e Chaín.

O BNG reclama do Alcalde de Gondomar que adopte medidas para a seguridade do alumnado do CEP Neira Vilas en Peitieiros e, por extensión, de todos os centros escolares de Gondomar

Desde o pasado curso escolar o alumnado de Peitieiros non conta coa presenza da policía local na hora de saída do colexio. En todo este tempo, desde o centro, desde a ANPA e mesmo desde o CCR de Peitieiros solicitouse a presenza da policía local como única medida SEGURA para garantir un embarque sen incidencias do alumnado. Porén o Concello non accedeu ás diferentes peticións formuladas, e neste curso volve reproducirse a situación de inseguridade.

Desde o BNG queremos deixar constancia de que a seguridade nas zonas de embarque para o alumnado transportado son responsabilidade das Administración educativas en exclusiva, tanto a autonómica, como a local. De feito, no momento de se construír o centro, a Xunta de Galiza, a Deputación de Pontevedra como titular da estrada e o Concello deberon establecer as zonas de aparcamento dos autobuses para que, de xeito seguro, o alumnado puidese embarcar e desembarcar. Mais non se estableceron esas zonas de embarque, talvez considerando que sempre estaría presente a policía local para velar pola seguridade do alumnado.

Cómpre insistir en que a seguridade do alumnado fóra do centro educativo, que é onde se produce o acceso aos autobuses, é competencia exclusiva do Concello, e que non lle corresponde ao profesorado do centro substituír a policía local. Ademais, no BNG nos consta que o Concello recibiu propostas concretas das veciñas e veciños de Peitieiros en que se recollían alternativas á presenza da policía local: instalación de semáforos e sinalización vertical, desvío pola vía alternativa que discorre polo barrio da Gándara... mais o Concello nin estudou esas propostas, nin envía a policía local.

Desde o BNG entendemos que a presenza dos axentes locais é sempre a medida máis garantista, mesmo para o alumnado non transportado.

Ademais, malia que este tema é actualidade neste momento por estar afectando especialmente a Peitieiros, entendemos que esta debe ser a forma de proceder en todos os centros escolares de Gondomar. Por este motivo o BNG vai esixir do Alcalde que leve á Comisión de Goberno a proposta de que entre as funcións da policía local estea a de estar presente na hora de saída de todos os centros escolares de Gondomar que o precisen, entre eles Peitieiros, para garantir a seguridade do alumnado transportado ou non e que se adopte este acordo e se execute desde o Goberno local. Tamén que estude outras medidas viais que redunden na seguridade do alumnado de Gondomar no acceso aos seus centros escolares: sinalización semafórica e vertical, beirarrúas para o acceso peonil, etc.

O BNG esixe que o Concello garanta a seguridade do alumnado