A PORTAVOZ MUNICIPAL, MANUELA RODRÍGUEZ, SOLICITALLE AO ALCALDE QUE NON MINTA ÁS TRABALLADORAS E QUE RECOÑEZA AS RAZÓNS QUE O LEVARON A MELLORAR AS CONDICIÓNS LABORAIS DO SERVIZO

A denuncia do BNG obriga ao Alcalde de Gondomar a modificar o contrato do SAF

Manuela Rodríguez
Manuela Rodríguez
A portavoz Municipal, Manuela Rodríguez, solicitalle ao Alcalde que non minta ás traballadoras e que recoñeza as razóns que o levaron a mellorar as condicións laborais do servizo
A denuncia do BNG obriga ao Alcalde de Gondomar a modificar o contrato do SAF

O BNG lémbralle ao Alcalde que o pasado 17 de setembro levou a pleno a aprobación do prego de condicións do contrato do SAF. Nesa proposta o importe por hora a pagar á empresa que finalmente fora prestadora do servizo era de 12,65€, prezo que non cumpría cos mínimos legais e que non contaba ademais cunha descrición desagregada dos conceptos que cubría.

Nese pleno, a concelleira do BNG, Manuela Rodríguez, indicou que, de acordo ao convenio do sector, nunha valoración a mínimos, e sen ter en consideración factores como custe estrutural da empresa, o prezo dos servizos complementarios ou o beneficio empresarial, o prezo da hora debería fixarse a partir dos 14,50€. A concelleira anunciou que, en consecuencia, non se podía aprobar unha oferta que non valoraba cun mínimo rigor o traballo de coidados. O alcalde non permitiu o debate, ficando aprobado un prego de condicións do contrato en precario, co único voto en contra do BNG.

O BNG puxo o tema en coñecemento da CIG.

Posto o caso en coñecemento da CIG, o sindicato presentou un recurso contra o prego de contratación do SAF, ante o Tribunal Administrativo de contratación pública de Galicia. Denunciou que no proceso de execución do contrato, o órgano de contratación, o Concello, incumpriría as obrigas sociais ou laborais respecto das traballadoras que participaran na realización da prestación.

A primeiros deste mes de novembro o recurso foi estimado, polo que o Concello vese na obriga de modificar os pregos de contratación para adecualos aos prezos de mercado e, con especial relevancia, aos custes salariais.

O BNG considera unha burla ás persoas que actualmente prestan o servizo de axuda no fogar, todas mulleres, que o Alcalde queira vender a mellora como se fora un agasallo, cando intentou manter o contrato nas mesmas condicións que nos últimos 3 anos, para que seguiran cobrando outros 3 anos máis por debaixo do que lles corresponde.

Precarización tamén na área de igualdade. Moción 25N

Na véspera do 25 de novembro “convén lembrar que tamén é violencia machista a precarización do traballo das mulleres”, tanto no ámbito dos coidados, sector moi feminizado por recaer habitualmente sobre as mulleres o peso do chamado estado do benestar, como nos servizos de igualdade, prestados tamén maioritariamente por mulleres para mulleres.

E isto tamén ocorre no Concello de Gondomar. Cunha área de igualdade sen orzamento. Cun Centro de Información a Muller (CIM) que continúa sen recursos suficientes, nomeadamente de persoal, para desenvolver o seu traballo (tal como veñen indicando as avaliacións dos plans de igualdade do concello, que en todos os casos concluíron a necesidade de incrementar a dotación do CIM). Con tres traballadoras contratadas por horas (psicóloga, 6h/semana; avogada, 21h/semana; e axente de igualdade, 22´5h semanais), insuficientes para atender a cantidade de traballo que realizan cunha calidade só explicable pola súa implicación persoal desinteresada.

Ao igual que co SAF, o BNG instará ao goberno local a mellorar as condicións laborais das traballadoras do servizo de igualdade. Como primeira medida, na moción que vén de presentar polo 25 de novembro “demandamos para o vindeiro exercicio económico a dotación de orzamento suficiente para a área de igualdade, e o incremento dos recursos económicos destinados á prevención e loita contra a violencia machista”, indica a concelleira do BNG.

 

BNG de Gondomar.