Racha pacto de goberno en Gondomar

Racha pacto de goberno en Gondomar

O Bloque Nacionalista Galego considera que a ruptura do goberno concello_gondomarde Gondomar constitúe unha falla de responsabilidade en coherencia co que se agarda de quen optou a representar a veciñanza a sabendas de que a convivencia dentro dese goberno supuña un esforzo para dialogar e chegar a acordos.

Para o BNG a virtude do goberno tripartito debería residir na propia diversidade de forzas que o conformaban. Porque esa diversidade implicaba o diálogo permanente e a posta en común de distintos puntos de vista que deberían enriquecer as conclusións e, polo tanto, favorecer ao conxunto de veciñas e veciños do concello.

Mais no caso de Gondomar desaproveitouse esa potencialidade e, na práctica, virou en inacción do goberno polo desinterese das partes para se pór de acordo, para chegar a entendementos. E non semella que o papel do propio Alcalde contribuíra a fomentar a convivencia e a facilitar as posibilidades de achegamento. Xusto ao contrario do que a súa figura debería propiciar.

Así, temas fundamentais para o concello como os problemas do transporte colectivo, o PXOM, a participación veciñal ou o orzamento municipal participativo, que figuraban no acordo asinado entre PSOE, Manifesto Miñor e CABE, non estiveron na axenda nestes xa máis de oito meses de goberno .

Desde o BNG consideramos un erro que Gondomar Concello Aberto antepoña os seus intereses particulares e partidarios aos intereses colectivos das e dos gondomareños, que provoca que o noso concello fique cun goberno en minoría coa conseguinte inestabilidade que iso provoca, e facemos un chamamento á responsabilidade de todas as partes na busca da mellor solución para o conxunto da veciñanza.