Charla informativa sobre a reforma da Lei de Administración Local

Charla informativa sobre a reforma da Lei de Administración Local

olaiaO BNG realiza unha charla para explicar as consecuencias negativas da reforma da Lei de Administración Local. Será este venres día 15 ás 20:15 h. na Casa de Cultura de Gondomar. A charla será presentada por Bieito Lobariñas e nela intervirán Manuela Rodríguez Pumar, responsábel local de acción municipal, e Olaia Fernández Davila, deputada polo BNG no Congreso dos Deputados.

Esta charla organízase no marco da campaña que o Bloque Nacionalista Galego está levando a cabo por todo o país para darlle información ás diferentes entidades de ámbito local e á veciñanza en xeral das consecuencias que esta reforma da Lei de Administración Local que propón o goberno central do PP vai significar para o conxunto da cidadanía.

O BNG convida a todas as veciñas e veciños e tamén ás diferentes entidades de Gondomar, tales como Comunidades de Montes, Anpas, Centros Culturais, asociacións culturais, deportivas, veciñais etc., para informalos e tamén para recoller todas as dúbidas e suxestións que queiran achegar.

Esta reforma vai supoñer, entre outros moitos aspectos negativos, que os Concellos de menos de 20.000 habitantes van ver seriamente reducidas as súas competencias, o cal para as asociacións pode representar algo tan grave como deixar de percibir subvencións.

O BNG presentou en Gondomar a finais do mes pasado unha moción en relación con este tema, moción en que se lle propoñía ao pleno do Concello que adoptase os seguintes acordos:

- Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado a que adopte os criterios para o reparto da Participación nos Ingresos do Estado (PIE) de dispersión e avellentamento da poboación, por se tratar de factores que repercuten de xeito determinante sobre o custo dos servizos que prestan os concellos galegos.

- Instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado a que redacte unha nova Lei de Financiamento Local que afronte os verdadeiros problemas dos concellos galegos.

- Trasladar o presente acordo ao presidente da Xunta de Galiza, grupos parlamentares no Parlamento de Galiza e ao presidente do goberno do Estado.

Charla informativa sobre a reforma da Lei de Administración Local