Declaracións de Jorquera na festa do Día da Patria

Declaracións de Jorquera na festa do Día da Patria

Francisco Jorquera reclama en Gondomar o noso dereito a decidir sobre sectores fundamentais coma a pesca ou o naval


- O BNG celebrou este domingo 15 de xullo, ás 18:30 horas na Alameda de Gondomar, a Festa do Día da Patria coa asistencia de centos de persoas. O acto iniciouse coa benvida do Responsábel local, Álvaro Lores, aos asistentes. A continuación interveu Manuela Rodríguez, Responsábel comarcal do BNG, quen deu a palabra a Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta de Galiza e portavoz no Congreso dos Deputados. Na súa intervención Francisco Jorquera cualificou de insulto ás persas paradas que o Goberno do Estado rebaixase as prestación por desemprego. Jorquera sinalou tamén a rebaixa das pensións, nun país como Galiza que xa cobra as pensións máis baixas do Estado, denunciando que esta crise é o mellor pretexto para impor un modelo económico sustentado no recorte de dereitos ás traballadoras e aos traballadores.



O candidato á presidencia da Xunta polo BNG criticou que non se defendan os dereitos dos pequenos aforradores embaucados polos bancos, uns bancos que non están cumprindo coa súa función de financiar as empresas galegas, sendo as máis prexudicadas as pequenas empresas e as persoas autónomas. Neste sentido sinalou o prexuízo que lles vai crear o incremento do IVE, un imposto absolutamente inxusto, que todas e todos pagamos, independentemente dos nosos recursos. Por iso defendeu a existencia dunha fiscalidade progresiva que grave máis a quen máis ingresa, sinalando que as cifras que se pretenden aforrar cos recortes aos traballadores da Administración, o incremento de impostos, a redución da prestación por desemprego, a rebaixa das pensións, etc. equivalen ás cifras do fraude fiscal, sobre o que se segue sen actuar.


Francisco Jorquera manifestou que os recortes afectarán gravemente ás Comunidades autónomas que acabarán por facer recortes en Sanidade e Educación para cumprir co obxectivos de déficit que lle marca o goberno central. Neste sentido, Jorquera reclamou que Feijoo non actúe de maneira submisa e que faga oír a voz de Galiza.


O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados declarou que “cómpre recuperar o sentido ético da política” e sinalou que se poden e se deben facer políticas diferentes, pensando no pobo. Así, e tendo presente o lema deste 25 de xullo: “Rescatemos os nosos dereitos”, Jorquera fixo fincapé na necesidade de rescatar soberanía para decidirmos sobre os noso recursos e a súa xestión, para negociar as galegas e os galegos directamente sobre a nosa pesca ou a nosa industria do naval.


Jorquera rematou a súa intervención animando ás e aos presentes a acudir á manifestación do 25 de xullo para loitar por recuperar os nosos dereitos.



O acto rematou cuns petiscos e a actuación do grupo de Música Tradicional Zurrumalla. Na festa en Gondomar estiveron presentes os concelleiros do BNG de Baiona, Nigrán, Redondela e Vigo e os deputados do BNG Carme Adán e Henrique Viéitez, así como numerosos militantes e simpatizantes da comarca e veciñas e veciños de Gondomar.