Cinco aclaracións do BNG a respecto da praza de abastos

Mercado Gondomar
Mercado Gondomar
Cinco aclaracións do BNG a respecto da praza de abastos
  • En primeiro lugar, compre salientar que a actual situación de irregularidade no mercado de Gondomar, a respecto da adxudicación dos postos e/ou a aplicación de gastos, tributos, taxas ou canons, non responde a unha posición de abuso ou fraude por parte dos e das praceiras, senón á desidia e/ou mala xestión dos distintos gobernos municipais que mantiveron esta situación ano tras ano.

 

  • Con todo, é evidente que a praza de abastos é un espazo público, e que os postos constitúen o uso privativo dun ben de dominio público, polo que teñen que saír a concurso. Compre, polo tanto, regularizar a situación actual.

 

  • A licitación pública pode realizarse en varias fases –por exemplo, saíndo a concurso os postos actualmente activos, por separado dos que non están sendo explotados– e debe cumprir uns criterios de concurso que establece o goberno: pódense primar aspectos económicos, sociais, mesmo valorarse o servizo prestado con anterioridade polos/as adxudicatarias dos postos; e aínda que non se permite a adxudicación directa, poderían incluírse un conxunto de criterios que desen opción ao acceso dos e das actuais titulares a cadanseu posto.

 

  • No caso de Gondomar, os criterios de valoración propostos no concurso agora paralizado, eran: o canon económico (á alza), os anos de experiencia (en calquera mercado), a situación de desemprego ou a achega de produtos novidosos. Con respecto a este último, entendemos que sería máis acaído que se lle dera maior valoración  a produtos que reforcen o comercio de proximidade e aos produtores do propio concello que transformen o produto que se pon a venda, evitando así a intermediarios que distribúan produtos importados. Sendo un mercado municipal, non se trata de achegar calquera produto novo, senón aqueles, tanto novos como tradicionais, que pechan o ciclo no entorno.

 

  • Na opinión do BNG, e tendo en conta a recente experiencia do realizado en concellos limítrofes, pódense atopar fórmulas que faciliten o entendemento e que permitan resolver a situación actual do mercado de Gondomar de xeito satisfactorio para ámbalas partes, un contexto que fomente un comercio local que xere emprego e cree riqueza no propio concello. E, desde logo, consideramos que o goberno debe actuar desde o respecto e a responsabilidade, lonxe de escenarios de crispación como o creado neste caso tanto entre os socios de goberno como  entre estes e os praceiros e praceiras.

 

BNG de Gondomar.