O BNG busca unha solución para as pensións dos emigrantes retornados

O BNG busca unha solución para as pensións dos emigrantes retornados

O BNG convoca a todas as veciñas e veciños do Val Miñor afectados pola reclamación da Axencia Tributaria do Estado sobre as pensións percibidas no estranxeiro a unha asemblea informativa que se realizará no Centro Neural de Gondomar ás 20:30 horas este venres 20 de setembro.

No acto, que presentará Manuela Rodríguez Pumar, estará presente a Deputada do Parlamento Galego Carme Adán, quen dará conta das iniciativas realizadas polo BNG para buscar unha solución aos afectados e afectadas.

Ao mesmo tempo o BNG vén de rexistrar nos Concellos de Gondomar e de Baiona e na Mancomunidade do Val Miñor, unha solicitude de debate dunha moción sobre o tema. Nela se reclama, en primeiro lugar, que o concello lle exprese o seu apoio aos veciños e ás veciñas beneficiarias de pensións percibidas no estranxeiro afectadas pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria.

Na moción do BNG ínstase á Xunta de Galiza a:

- Estabelecer mecanismos para colaborar co concello na prestación de asesoramento a todas as persoas afectadas que o precisaren.

- Demandar do Goberno do Estado a adopción urxente das seguintes medidas:

- A anulación de todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Estatal Tributaria e que se lles notificaron nos últimos meses a persoas beneficiarias galegas de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios de 2008 e seguintes, tendo en conta o absoluto descoñecemento que tiñan desta obriga tributaria.

- Inicio dunha campaña de información a todas as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, anulando os requirimentos relativos aos exercicios comprendidos entre os anos 2008 e 2012.

- A revisión dos convenios marco con outros países para evitar que situacións deste tipo poidan volver a producirse no futuro.

Finalmente o BNG solicita que o acordo que se adopte no Concello de Gondomar sexa trasladado ao presidente da Xunta de Galiza, presidente do Goberno do Estado e grupos parlamentares do Parlamento de Galiza e Congreso de Deputados.

Esta mesma moción está sendo presentada en diferentes concellos e xa foi aprobada en Ribadumia, Ponteareas ou Oroso, entre outros.

Para o BNG é escandaloso que estes contribuíntes recibiran da Axencia Tributaria uns requirimentos que nada teñen que ver cos enviados aos verdadeiros evasores fiscais, aos que se lles conceden amnistías.

Cómpre lembrar que, como ten denunciado o BNG no Parlamento Galego, as persoas afectadas, nunca foron informadas da obriga de presentar declaración de facenda polas cantidades devengadas no estranxeiro, durante os anos 90, e mesmo se produciron sentenzas que eximían desta obriga a calquera pensionista en Galiza con ingresos inferiores a 22.000 euros. Mais agora a Axencia Tributaria está a enviar expedentes sancionadores a persoas que non superan na maioría dos casos os 16 mil euros anuais.

O BNG busca unha solución para as pensións dos emigrantes retornados