AO ÚLTIMO PLENO NON ASISTIU NINGÚN DOS 5 REPRESENTANTES DO CONCELLO

O BNG denuncia a reiterada falla de asistencia ás reunións da Mancomunidade por parte dos representantes de Gondomar

O BNG denuncia a reiterada falla de asistencia ás reunións da Mancomunidade por parte dos representantes de Gondomar

A Responsábel Local do BNG, Manuela Rodríguez, denuncia a reiterada falla de asistencia dos representantes do Concello do Gondomar aos plenos e comisións informativas da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor. O BNG de Gondomar, por non ter representación municipal, non ten acceso ás xuntanzas da Mancomunidade, mais iso non impide a nosa preocupación polos asuntos que interesan á veciñanza, en contraste coa desidia que manifestan os grupos presentes no Concello.

Ten cinco representantes Gondomar: o Alcalde, Francisco Ferreira e a concelleira Nuria Lameiro, do PSOE; o Tenente de Alcalde, Antonio Araúxo, de Manifesto Miñor; os concelleiros da oposición Fernando Guitián do PP e Pauliño del Río de CABE, e por exemplo, ningún deles asistiu ao último pleno, celebrado o 7 de xuño, nin tampouco ás comisións informativas previas ao pleno que se celebrará mañá venres 22 de setembro.

As mancomunidades non son entes políticos, son asociacións de concellos que xestionan e sosteñen economicamente de xeito conxunto, con maior eficiencia e garantía, determinados servizos que economicamente non podería afrontar cada concello por separado. No caso do Val Miñor están mancomunados servizos como a piscina ou o Grupo de Emerxencia Supramunicipal.

A respecto da piscina e diante do novo concurso, o BNG, por medio dos seus representantes de Nigrán e Baiona, foi a única organización política que presentou alegacións ao novo prego de condicións da concesión, téndose incorporado algunhas delas ao texto definitivo. Para mañá está convocado o pleno da mancomunidade, no que se vai tratar o prego de condicións para a nova concesión da xestión da piscina, e moito nos tememos que sexa o BNG o único que teña analizado o texto e preocupado en presentar propostas para a mellora das prestacións.

Esta situación vese agravada pola recente denuncia de desmantelamento do servizo en favor dunha instalación privada, realizada por delegados de persoal, polo que no BNG non entendemos a desidia amosada polos grupos municipais representados no Concello de Gondomar, coa súa ausencia reiterada e sistemática nas sesións da Mancomunidade do Val Miñor.