O BNG quere que a Igrexa pague o seu IBI

O BNG quere que a Igrexa pague o seu IBI

O BNG presentou no rexistro do Concello de Gondomar unha proposta de moción esixindo que se traslade ao Goberno do Estado que realice as xestións necesarias para suprimir un privilexio da Igrexa Católica como é a exención de IBI para o seu patrimonio


- En función dos acordos subscritos entre o Estado español e a Santa Sede en 1976 e 1979, a Igrexa Católica conserva varios privilexios, impropios dun Estado que se declara aconfesional. Parte destes privilexios son de carácter económico, o que supón que a Igrexa Católica goce dun financiamento e condicións económicas excepcionais: financiamento directo mediante o IRPF e exención do pago de varios impostos, entre eles, o IBI por todos os bens inmóbeis que posúe.




Na situación actual de grave crise económica, cunhas consecuencias que están a repercutir en toda a poboación, que sofre recortes laborais, sociais e económicos, e que debe cumprir coas súas obrigas tributarias, resulta incomprensíbel -tendo en conta ademais a delicada situación financeira no ámbito local- que a Igrexa Católica teña o privilexio de non tributar aos concellos polo seu enorme patrimonio, ao tempo que percibe financiamento directo e subvencións para a conservación e mantemento dos seus fondos patrimoniais. Nun informe de 2010, a Dirección Xeral do Catastro daba cifras do patrimonio estritamente relixioso da Igrexa católica en Galiza: 7.691 inmóbeis e un valor catastral de 426 millóns, cantidade que non repercute nos orzamentos municipais.



O BNG ten demandado en numerosas ocasións a necesidade de acometer unha reforma fiscal que acentúe o carácter progresivo do sistema, de xeito que se incremente a equidade e a xustiza do mesmo, ao tempo que permita incrementar os ingresos públicos, gravando con maior progresividade as rendas de capital ou os grandes beneficios empresariais, así como a creación dun imposto sobre as grandes fortunas. Ademais, o BNG vén reclamando dende fai tempo tanto a revisión dos Acordos coa Santa Sede como, nomeadamente, a supresión da exención do pago do IBI por parte da Igrexa.


Por estes motivos o BNG de Gondomar presentou por medio do rexistro unha moción dirixida a propor ao Goberno do Estado que realice as xestións necesarias para acadar a supresión desta exención e para que, mentres se negocia esta modificación, se estude un mecanismo de compensación para os Concellos. Na moción tamén se reclama instar ao Parlamento e á Xunta de Galiza a que asuman esta mesma demanda e se insta ao Goberno municipal a realizar un censo municipal dos inmóbeis pertencentes á Igrexa Católica e a outras confesións relixiosas.



O BNG de Gondomar agarda que o Pleno do Concello teña en conta esta proposta e a inclúa na orde do día do seguinte pleno, agardando que sexa aprobada, pois esta moción do BNG recolle o sentimento dunha maioría das veciñas e veciños de Gondomar.

O BNG quere que a Igrexa pague o seu IBI