O BNG insta a PP e PSOE a abrir dunha vez o novo Centro de Saúde de Gondomar

Acusa ao PP de uso partidista e propagandístico dunhas instalacións que nacen “recortadas”.

Empraza ao Alcalde a dar explicacións das causas do retraso na apertura no vindeiro pleno.

O BNG insta a PP e PSOE a abrir dunha vez o novo Centro de Saúde de Gondomar

O BNG denuncia que o pasado xoves a Portavoz Municipal do Partido Popular, Paula Bouzós, coa complicidade do Xerente da Área Sanitaria de Vigo, fixo un uso partidista e propagandístico dunha instalación pública, ao levar a un grupo deveciñas e veciños a visitar en primicia e pase privado as instalacións do novo Centro de Saúde de Gondomar.

En palabras da Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez, “descoñecemos o criterio establecido para elixir ese colectivo de visitantes,pero é lamentable que a convocatoria no fora aberta a outros membros da corporación municipal ou de entidades sociais, na súa calidade de representantes veciñais democraticamente elixidos. Está claro que, máis unha vez, o PP actuou créndose propietario do que administra”.

 

O que o PP non ensina

O que realmente debería explicar o PP é porque nese novo centro de saúde, que foi reducido respecto da súa dimensión inicial pola súa política de recortes, só vai contar con seis consultas de medicina de familia e unha de pediatría só de mañá, as mesmas que se prestan na actualidadeen Gondomar e que son claramente insuficientes.

Actualmente, con ese mesmo número de consultas, as deficiencias na atención sanitaria na Vila son evidentes. Á escaseza de persoal súmanselle as baixas e as vacacións dos profesionais que non son cubertas pola Consellería de Sanidade. Así, “coa abriga de reaxustar as axendas, prodúcense retrasos na atención e agardas de varios días, xa que ou o resto dos profesionais se ven na obriga de asumir as consultas dos que faltan, incrementando o seu volume de traballo; ou simplemente non hai atención sanitaria durante ese período, como adoita acontecer,por exemplo, coa consulta de matrona”.

Esta situación provoca trastornos para os pacientes que mesmo se ven obrigados a acudir ao centro de saúde en horarios que non son os seus habituais ou a facelo en máis de un día, que as familias se vexan obrigadas a se desprazar ao PAC da Xunqueira para recibir atención pediátrica para as súas crianzas cando o SERGAS non cubre as vacacións da súa pediatra e ou enfermeira.

 

“PP e PSOE, póñanse a traballar”

O BNG insta a PP e PSOE a que se deixen de enfrontamentos partidistas e que se poñan a traballar para que o novo Centro de Saúde poida abrir de inmediato, xa que agardan que, aínda que recortado, será máis comodo que o actual e con espazo máis amplo para zonas de consultas ou sala de extraccións; instan ao SERGAS a dotalo con persoal sanitario suficiente para a poboación que debe atender; e emprazan ao Alcalde a dar explicacións, no vindeiro pleno, das causas dependentes do Concello que están a provocar este retraso na apertura.

BNG Gondomar.