TAMÉN SOLICITA DA DEPUTACIÓN A INSTALACIÓN DE “QUITAMEDOS” NA VOLTA DE ARMEIRO (PEITIEIROS)

O BNG insta ao Alcalde a garantir a seguridade nos accesos ao novo Centro de Saúde

Volta de Armeiro (Peitieiros)
Volta de Armeiro (Peitieiros)
O BNG insta ao Alcalde a garantir a seguridade nos accesos ao novo Centro de Saúde

O BNG, a través da súa portavoz municipal en Gondomar, Manuela Rodríguez Pumar, presentou no rexistro do Concello unha solicitude na que insta ao Alcalde, como máximo responsábel do goberno do Concello, a realizar de inmediato dúas actuacións en materia de seguridade viaria.

A primeira, garantir a seguridade na accesibilidade ao novo Centro de Saúde tanto de vehículos privados que achegan a persoas con mobilidade reducida como de vehículos de urxencias médicas, tomando as medidas necesarias para evitar posíbeis atrancos e demoras no acceso e saída que poidan poñer en risco a saúde das persoas que transportan, xa que o devandito centro está ubicado nunha rúa que remata nun canellón sen saída e con pouco espazo para manobrar e circular por ser moi estreita a calzada. “Esta situación debería estar resolta antes de abrir as portas do novo centro. Os gobernos de Concello e Xunta adicáronse ásliortas partidistas no canto de se ocuparen de traballar para que a apertura se poidera facer antes e con todas as garantías”, indica a concelleira do BNG.

Na mesma solicitude, e tamén por unha cuestión de seguridade, o BNG solicita do Alcalde que inste á Deputación de Pontevedra, como titular da vía, a instalar algún sistema “quitamedos” na marxe dereita da estrada provincial EP-2301 Gondomar-Peitieiros, a altura da Volta de Armeiro pasado o punto kilométrico 1 na subida a Peitieiros, xa que ao proceder a corta de árbores nas propiedades lindantes quedou aberto un importante desnivel que reviste perigo de caída tanto para peóns como para vehículos.

BNG de Gondomar.