En defensa da Serra do Galiñeiro

En defensa da Serra do Galiñeiro

O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez; o biólogo e responsable da comisión comarcal de Medio Ambiente, Alfredo López; e a responsable comarcal do Bloque, Manuela R. Pumar, presentaron este xoves as alegacións contra o proxecto de instalación dun parque eólico na serra do Galiñeiro. Os nacionalistas salientaron a necesidade de protexer este monte polo seu gran valor medioambiental e cultural, polo que demandaron ao goberno galego que apoie a tramitación da área protexida e a súa incorporación ao parque natural do Aloia.

 

Santi Domínguez destacou que a instalación dun parque eólico na serra do Galiñeiro supón unha “agresión ao noso espazo paisaxístico, natural e arqueolóxico”. Neste sentido sinalou que esta serra, que se estende polos concellos de Vigo, Mos, O Porriño e Gondomar, é unha ferramenta indispensable para manter a calidade de vida dos habitantes desta área.

O portavoz nacionalista lembrou que multitude de colectivos sociais xa se adheriron ao Manifesto pola Defensa da Serra do Galiñeiro e que xa no 2008 o BNG no goberno da Xunta iniciara o estudo para dotar dunha maior protección legal a este monte. Sinalou que entre as medidas contempladas figuraba a súa inclusión no parque natural do Aloia, dando así resposta á demanda da Comunidade de Montes de Vincios.

Mocións nos concellos

Domínguez avanzou que o BNG presentará mocións nos concellos afectados solicitando a derogación do borrador e para que a Xunta “declare negativa a autorización administrativa do proxecto  de execución deste parque eólico e da declaración de utilidade pública”. Asemade, o Bloque tamén levará esta proposta ao Parlamento galego.

Alfredo López, pola súa banda, incidiu nos usos que se realizan actualmente na serra do Galiñeiro, que serán incompatibles de instalarse o parque eólico. Neste sentido destacou que a serra do Galiñeiro está preto de zonas habitadas nas que se realizan “usos e explotacións sustentabeis compatibles coa solicitude de zona protexida”.

Actividades sustentabeis

A este respecto, o responsable da comisión comarcal de Medio Ambiente  indicou que as actividades que se desenvolen no monte son multifuncionais e sustentabeis, de carácter forestal e gandeiro, do interese da presenza do cabalo galego e da celebración de curros. Tamén sinalou os usos deportivos e de lecer, especialmente na comarca viguesa, a Louriña e o Val Miñor.

Fixo tamén fincapé na importancia dos valores do Galiñeiro a respecto da flora e a fauna, así como culturais, patrimoniais e arqueolóxicos, dos que boa parte “aínda non están catalogados”, segundo apuntou.

Instalación incompatible

Afredo López considerou que estes valores da serra do Galiñeiro non están suficientemente recollidos no informe de impacto ambiental. Así, especificou que o catálogo de flora e fauna pode considerarse “deficiente” e non se avalían as consecuencias sobre as actividades e ou explotación habituais dos recursos do monte nin o impacto paisaxístico e cultural.

Porén, asegurou que aínda que se solucionen estas carencias, o BNG “non considera posible a instalación do parque eólico, polo que defende a conservación do monte e reivindica a súa inclusión no parque natural do Aloia”. Neste sentido, o documento do BNG asegura que a conservación e posta en valor deste patrimonio desde unha perspectiva histórica, científica e turística “é totalmente incompatible coa instalación de parques eólicos”.