CONSIDÉRANO UNHA TOMADURA DE PELO ÁS PERSOAS QUE DEPENDEN DO TRANSPORTE PÚBLICO PARA A SÚA MOBILIDADE

O BNG acusa ao alcalde de vender fume ao afirmar que o servizo de Vitrasa chega a Gondomar

O BNG acusa ao alcalde de vender fume ao afirmar que o servizo de Vitrasa chega a Gondomar

O BNG de Gondomar acusa ao Alcalde, Paco Ferreira, de vender fume ao afirmar que o servizo de transporte da empresa Vitrasa chega a Gondomar, e consideran as súas afirmacións unha tomadura de pelo ás persoas que dependen do transporte público para a súa mobilidade.

En palabras da responsábel local do BNG, Manuela Rodríguez Pumar, “ fálase dun servizo que nin entra en Gondomar (todas as súas paradas están dentro do concello de Vigo), nin é cada media hora (ese percorrido faise cada hora). É unha liña existente desde hai anos e que o único que fai é alongar un pouco o seu itinerario, nada significativo a respecto do percorrido anterior, e que en nada mellora a mobilidade da veciñanza de Gondomar.”

Non soluciona ningún problema de transporte á parroquia de Vincios, nin sequera aos veciños da Fraga xa que a nova parada só lles achega o bus uns poucos metros, e moito menos ao resto das parroquias.

Para a organización nacionalista “con esta nova o Alcalde pretendeu, por un lado, colgarse unha medalla -como se esa fora a ser a solución aos múltiples problemas do transporte no noso concello-; e, por outro, vendelo como unha gran colaboración do Alcalde de Vigo. E desta forma lavarlle a cara a Abel Caballero, cando sabemos que as liortas partidarias entre o goberno do concello de Vigo (PSOE) e o goberno da Xunta (PP), son os verdadeiros culpables de que Gondomar non estea aínda dentro do convenio do transporte metropolitano da área de Vigo, e que en consecuencia a veciñanza de Gondomar non poida desfrutar dos descontos nos billetes.”