O BLOQUEO DA XUNTA IMPIDE QUE AS VECIÑAS E VECIÑOS DE GONDOMAR POIDAN DISFRUTAR DOS DESCONTOS DA TARXETA METROPOLITANA DO TRANSPORTE.

O BNG presenta unha iniciativa parlamentar instando a Xunta a incluír a Gondomar no Transporte Metropolitano

BNGFotoGondomarTransporte2
O BNG presenta unha iniciativa parlamentar instando a Xunta a incluír a Gondomar no Transporte Metropolitano

O BNG ven de presentar no Parlamento Galego, a través do seu deputado Luis Bará,  unha iniciativa na que insta ao Goberno da Xunta a incluír, de maneira inmediata, ao concello de Gondomar no Convenio do Transporte Metropolitano.

Esta demanda radica en que a pesar de que o Pleno do Concello de Gondomar aprobou xa en febreiro de 2017 a integración de Gondomar no Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galiza na área de trasporte metropolitano de Vigo, a día de hoxe o Goberno da Xunta está a impedir que a integración sexa efectiva.

“Para que o concello de Gondomar, membro nato da Área Metropolitana de Vigo, se poida integrar, a Xunta debe convocar  a Comisión de Seguimento do devandito Convenio na que se acorde esta entrada. E esta comisión non se convoca desde abril de 2017. Están incumprindo así a cláusula  4.3.-Operatividade na que se indica que a Comisión de Seguemento se reunirá cunha periodicidade cando menos semestral” –explica Luis Bará.

“Esta situación de bloqueo ten a ver co enfrontamento institucional e político entre o concello de Vigo e a Xunta de Galiza, por intereses partidarios de Caballero e Feijóo, que deixan a veciñanza de Gondomar sen poder beneficiarse dos descontos da tarxeta metropolitana” –manifesta o deputado.

En canto ás recentes declaracións de Ethel Vázquez a este respecto, o BNG lembralle á Conselleira que o concello de Gondomar é membro da área metropolitana dos 14 concellos desde a súa creación, e por esa razón a súa inclusión no convenio debería ser inmediata. “A veciñanza de Gondomar en xeral, e as persoas usuarias do transporte en particular, non deben ser “castigadas” por decisións dos seus gobernantes, sexan estes do Concello ou da Xunta” –declara Manuela Rguez.

 

· Esta iniciativa fai presentada tamén no Concello e na Mancomunidade.

 “O BNG tamén presentou esta iniciativa  no Concello de Gondomar, onde non podemos defendela por carecer de representación, e na Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, a través dos concelleiros do BNG por Baiona e Nigrán, onde foi aprobada por maioría coa única abstención de do representante de Gondomar Concello Aberto” -indica a Responsábel Local do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez.

Non pode ser que por culpa do boicot da Xunta, Gondomar non só teña un servizo de transporte publico colectivo deficiente, senón que ademais sexa o máis caro da área metropolitana. “Así, -explican-, o billete desde Gondomar até Vigo custa na actualidade o doble ou o triple do que custaría se estiveramos adscritos ao transporte metropolitano.”

O BNG, que apoia decididamente a campaña veciñal a prol dun transporte digno para Gondomar, seguirá a denunciar esta situación e a demandar a incorporación do concello ao  transporte metropolitano de xeito que a súa veciñanza poida dispoñer da tarxeta metropolitana e beneficiarse dos descontos no importe dos billetes, co conseguinte aforro nos gastos de desprazamento.

BNG Gondomar.

O BNG presenta unha iniciativa parlamentar instando a Xunta a incluír a Gondomar no Transporte Metropolitano