A fiscalía actúa contra o ex alcalde de Gondomar do PP e o seu concelleiro de urbanismo

Urgal e de Lis (Foto: EFE)
A fiscalía actúa contra o ex alcalde de Gondomar do PP e o seu concelleiro de urbanismo

O BNG esixe explicacións ao alcalde de Gondomar sobre as actuacións de membros da súa formación política implicados en casos de corrupción relacionados co urbanismo no concello

Ante a petición da Fiscalía de 2 anos de prisión, 22.500 euros de multa e oito anos de inhabilitación, por presunto delito de prevaricación contra o anterior alcalde de Gondomar, o popular Martín Urgal, e do seu concelleiro de Urbanismo Alfonso De Lis, o BNG de Gondomar quere manifestar que estamos ante un presunto caso de corrupción urbanística que afecta directamente, unha vez máis, ao Partido Popular do noso concello.

Convén lembrar que no seu momento foi condenado por prevaricación o que tamén fora alcalde popular Carlos Silva así como dous dos seus concelleiros e que Urgal se fixo coa alcaldía grazas ao apoio de concelleiros tránsfugas do PSOE entre os que se encontraba o agora imputado, Alfonso De Lis.

Para o BNG, estes casos súmanse ás múltiples acusacións de corrupción que salpican ao Partido Popular no territorio galego como por exemplo os casos de José Luís Baltar imputado por presunta prevaricación continuada, o delegado da Xunta en Ourense condenado por defraudar fondos públicos ou o dos alcaldes populares de Santiago, O Carballiño, Baltar, Fisterra, Mazaricos, Barreiros, Muras, O Pino ou Abegondo imputados por presuntos delitos relacionados coa corrupción.

En palabras da responsábel comarcal de organización Manuela Rodríguez, “no caso concreto de Gondomar o actual alcalde, o tamén popular Fernando Guitián, ten a obriga, en función do cargo público que ostenta, de dar as explicacións oportunas sobre as actuacións de membros da súa formación política implicados en casos de corrupción relacionados co urbanismo no noso concello e garantir que se esclarecerán as actuacións realizadas e se depurarán responsabilidades se se demostra que houbo irregularidades”.

Desde o BNG continuaremos a traballar na rexeneración democrática do concello de Gondomar, tan castigado polos casos de corrupción e de transfuguismo, e para recuperar a representación municipal que nos foi usurpada. Por último, para o BNG dita rexeneración pasa por unha concepción da institución municipal respectuosa coa legalidade e onde prime a vocación de servizo público. Por este motivo o BNG seguirá denunciando, como denunciou no seu día, todas aquelas accións que entenda como irregulares, co fin de garantir unha xestión democrática e transparente das institucións. En todo caso será a xustiza quen teña a última palabra neste caso e determine, ante a comprobación dos feitos, se houbo ou non delito.

A fiscalía actúa contra o ex alcalde de Gondomar do PP e o seu concelleiro de urbanismo