Alegación contra a redución das liñas de transporte de viaxeiros con Vigo

Alegación contra a redución das liñas de transporte de viaxeiros con Vigo

O BNG presentou hoxe mesmo alegación contra o expediente de reestruturación da concesión de servizo público regular permanente de transporte de viaxeiros da empresa ATSA.

O BNG esixe que, como mínimo, se manteñan as actuais liñas de transporte colectivo en funcionamento. O BNG xa presentou un escrito ante a Dirección Xeral de Mobilidade neste mesmo sentido, o pasado día 5 de febreiro. Desde o BNG consideramos que a redución de liñas de transporte colectivo proposta pola empresa prexudicaría gravemente a veciñanza do Val Miñor e tería graves implicacións en materia de transporte para os concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, xustamente nun momento en que o lóxico e necesario é potenciar o transporte público para contribuír á redución do gasto en desprazamento das persoas, reducir o número de vehículos por estrada, reducir as emisións de CO2 á atmosfera e, consecuentemente, o elevado nivel de contaminación da área de Vigo.

En relación con isto o BNG votou favorabelmente unha moción conxunta de urxencia presentada no Concello de Baiona, que pedía o mantemento das liñas actuais e a potenciación do transporte metropolitano. O BNG levará o tema tamén ao Pleno da Mancomunidade do Val Miñor para que se pronuncie ao respecto e se posicione en contra desta redución.

Dentro desta campaña de oposición á redución do transporte, o BNG presentou o día 5 de febreiro tamén unha pregunta parlamentaria para que o tema sexa tratado no Parlamento de Galicia. Neste momento, ademais, seguimos coa campaña de recollida de sinaturas en contra desta medida.

O BNG ademais de reclamar o mantemento do servizo, esixe que se mellore mediante a implantación dun plan de transporte metropolitano da área de Vigo, o incremento das liñas de transporte, das paradas, a creación dun billete metropolitano e a creación de tarifas reducidas. Para dar cumprimento a estas medidas o BNG esixe a implicación das Administracións locais e galega as responsábeis de garantir e vixiar o cumprimento dos acordos aos que se chegue. Se falamos dun servizo público de transporte entón falamos dunha prestación que a Administración debe garantir. O que é inadmisíbel é que se blinden as concesións para que as empresas teñan a exclusividade e estas empresas cobren tarifas desorbitadas e non dean o servizo axeitado. Ter a exclusividade dunha concesión implica unha responsabilidade de oferta de servizo que as empresas que realizan o transporte no Val Miñor parece que non queren asumir, buscando unicamente o lucro económico.

Neste sentido o BNG tamén quere saír ao paso das declaracións da empresa Melytour que, oportunistamente, sae aos medios de comunicación ameazando con reducir, ela tamén, as liñas actuais, nomeadamente a que circula entre as parroquias de Morgadáns e Couso, invocando agora a perigosidade do treito. Chama a atención que este problema xurda agora, despois de ampliada a estrada e de que, nese mesmo traxecto se veñan realizando o transporte escolar desde hai máis de vinte anos. A empresa con afán lucrativo fala unicamente de reducir as liñas, sen considerar que existen outras medidas para mellorar o transporte nese treito, como sería a utilización dun microbús lanzadeira ou a instalación de semáforos nos pasos máis estreitos, ou outras medidas que esixen a implicación da Xunta de Galiza.

O BNG continuará coa campaña iniciada e seguirá esixindo o mantemento das liñas actuais, o seu incremento e a mellora do servizo para que realmente sexa un servizo público.

Alegación contra a redución das liñas de transporte de viaxeiros con Vigo