Campaña para evitar a redución das liñas de transporte no Val Miñor

Campaña para evitar a redución das liñas de transporte no Val Miñor

O BNG reclama do Concello de Gondomar que adopte medidas urxentes para impedir a redución das liñas de transporte de viaxeiros con Vigo. O BNG xa iniciou unha campaña de recollida de sinaturas e remitiu un escrito ante a Dirección Xeral de Mobilidade.

O BNG de Gondomar tivo coñecemento de que a empresa ATSA ten intención de reducir o número de liñas de comunicación Vigo-Gondomar, á metade. Este feito prexudicaría gravemente a veciñanza e tería unhas implicacións certamente negativas en materia de transporte para o noso concello, Gondomar. Nun momento en que o lóxico e necesario é potenciar o transporte público para contribuír á redución do gasto en desprazamento das persoas, reducir o número de vehículos na estrada e por tanto a contaminación, a empresa argumenta falta de usuarios para reducir, unha vez máis, o número de liñas.

Para o BNG procurar o incremento dos usuarios do transporte colectivo, ten, porén, outra solución, como é a mellora e diversificación do servizo. É dicir, incrementar liñas incluíndo novos destinos como o Campus das Lagoas Marcosende; mellorar o servizo a través dos convenios que sexan necesarios entre as empresas que realizan o transporte desde Gondomar e coas que realizan o transporte en Vigo, negociar e implantar o uso dun billete metropolitano que permita realizar transbordos entre diferentes liñas das mesma ou diferentes empresas no ámbito da comarca de Vigo e creación de tarifas reducidas para usuarios habituais, estudantes, persoas xubiladas, etc.

A mellora do servizo do transporte non reside exclusivamente nas empresas. A institucións e, neste caso a Dirección Xeral de Mobilidade e o Concello de Gondomar, teñen responsabilidade en procurar a mellora do servizo e deben actuar en consecuencia.

Por este motivo o BNG dirixiuse por escrito á Dirección Xeral de Transportes para solicitar que se poñan en marcha as medidas citadas anteriormente e presentou unha moción ao Pleno do Concello, solicitando do Alcalde o seu tratamento no próximo Pleno, con carácter de urxencia, para que a corporación municipal adopte os seguintes varios ACORDOS:


  • Instar á Dirección Xeral de Mobilidade a realizar un Plan de transporte metropolitano da área de Vigo;
  • Presentación dunha pregunta no Parlamento de Galiza sobre este tema;
  • Esixir da empresa adxudicataria o mantemento do actual servizo;
  • Crear unha comisión entre as Administración implicadas, e as empresas para realizar un plan de transporte do Concello de Gondomar;
  • Negociar e implantar o uso dun billete metropolitano;
  • Negociar coa empresa tarifas reducidas para usuarios habituais, estudantes, persoas xubiladas, etc.

Ao mesmo tempo o BNG iniciou xa unha campaña de recollida de sinaturas entre as persoas usuarias do transporte para manifestar o seu rexeitamento á redución das liñas de transporte e reclamar que, non só se manteñan os servizos actuais, senón que se amplíen e melloren, para que sexan unha verdadeira alternativa ao vehículo particular e se incremente o seu uso.

Descarga aquí o prego de sinaturas. Podes entregalas chamando ao 616964027 (Manuela).

Descarga aquí a Proposición non de lei presentada polo BNG para o seu debate en Pleno do Parlamento de Galiza

Descarga aquí a Proposición non de lei presentada polo BNG para o seu debate en Comisión do Parlamento de Galiza