O BNG de Gondomar condena o asasinato machista de Mañufe

A organización nacionalista urxe novamente ao goberno municipal de Gondomar a convocar o

Consello Municipal da Muller para abordar medidas de loita contra a violencia machista.

O BNG de Gondomar condena o asasinato machista de Mañufe

O Bloque Nacionalista Galego expresa a súa repulsa polo asasinato machista deste mércores na parroquia de Mañufe, tan só unha semana despois do 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia Machista. A formación nacionalista manifestou a súa solidariedade coa familia da muller asasinada, e participou nas concentracións convocadas onte venres polo movemento feminista galego en diversas localidades do País, entre elas a realizada no Val Miñor que tivo lugar ás 20:00h no Cruce da Ramallosa.

O BNG esixe a convocatoria urxente do CMM

O BNG esíxelle novamente ao goberno municipal de Gondomar a convocatoria urxente do Consello Municipal da Muller (CMM), tal como se comprometeu no último pleno da corporación o pasado mes de novembro, ao aprobar unha moción presentada pola organización nacionalista, e tendo en conta ademais que debe ser convocado cada catro meses e leva sen se convocar dende marzo. Para a concelleira do BNG, Manuela Rodríguez Pumar, “non abondan os minutos de silencio, os lazos violeta nin os discursos baleiros: a violencia machista combátese con recursos que permitan levar a cabo políticas efectivas, incorporando medidas de formación, prevención e protección das mulleres en situación de violencia. E o Consello Municipal da Muller, onde están representadas as forzas políticas e sindicais e as asociacións que traballan no ámbito do feminismo, é un órgano fundamental para deseñar esas políticas a desenvolver”. “Se o goberno de Gondomar non convoca inmediatamente o Consello Municipal da Muller”, acrecenta a concelleira do Bloque, “ademais de incumprir un acordo plenario, estará facendo unha grave deixación das súas funcións nunha área que ten un impacto profundo nas vidas de moitas mulleres”.

BNG Gondomar.

O BNG de Gondomar condena o asasinato machista de Mañufe