O BNG de Gondomar solicita a convocatoria urxente do Consello Municipal da Muller (CMM)

Manuela Rodríguez: O CMM, como órgano consultivo e de representación das mulleres, debera ser o foro onde consensuar as accións polo 25N”
O BNG de Gondomar solicita a convocatoria urxente do Consello Municipal da Muller (CMM)

O BNG vén de solicitar, a través do rexistro xeral do Concello, a convocatoria urxente do Consello Municipal da Muller (CMM) co fin de elaborar e valorar propostas de actuación por parte da Concellería de Igualdade en relación ao 25N.

O 25N celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, data arredor da cal se realizan en todo o mundo, tamén en Gondomar, accións e eventos de sensibilización ao respecto da violencia sufrida por moitas mulleres polo simple feito de selo.

O Consello Municipal da Muller (CMM) é un órgano consultivo que dá participación ás mulleres na vida municipal. Polos seus obxectivos, recollidos no regulamento, e por estar conformado por mulleres representantes dos colectivos feministas, sociais, sindicais e políticos con presenza no concello, xuntamente coa presidenta, a Concelleira de Igualdade, Nuria Lameiro, e unha representante do Centro Municipal de Información á Muller (CIM), o Consello Municipal da Muller debería ser o espazo onde se puxeran en común as accións e eventos a levar a cabo no concello de Gondomar en relación a esta data.

A maiores, no pleno celebrado o pasado 5 de novembro, foi aprobada unha moción do BNG na que se demandaba do goberno local a convocatoria inmediata do CMM, toda vez que o seu regulamento establece que a presidencia debe convocar reunión ordinaria cando menos cada catro meses, máis leva sen se reunir desde o 2 de marzo, data na que se convocou por primeira e única vez desde constitución da nova corporación en xullo de 2019.

Por estas razóns, a concelleira do BNG, elixida Vice-presidenta do Consello na súa sesion de marzo, insta á Concelleira de Igualdade a convocar a reunión con carácter de urxencia. “O CMM, como órgano consultivo e de representación das mulleres, debera ser o foro onde consensuar as accións polo 25N”, afirma Manuela Rodríguez.

BNG Gondomar

O BNG de Gondomar solicita a convocatoria urxente do Consello Municipal da Muller (CMM)