Imprimir

O BNG non participará no pleno extraordinario convocado para o venres

BNG de Gondomar | 14 de maio de 2020

Manuela Rodríguez Pumar
Manuela Rodríguez Pumar

Manuela Rodríguez, voceira do BNG en Gondomar: “O contido dese pleno non ten sentido neste momento. O que urxe agora é debater, acordar e poñer en marcha medidas para facer fronte aos efectos sociais e económicos da crise do COVID-19 no noso concello

Instan novamente ao Alcalde a convocar o pleno que Gondomar precisa: “Non facelo é unha irresponsabilidade, Sr. Ferreira

A Portavoz Municipal do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez, anuncia que o BNG non participará no pleno extraordinario convocado para este venres por considerar que non ten sentido neste momento.

O pleno extraordinario foi solicitado a instancias do PP o 3 de marzo. O BNG facilitou, xunto co resto da oposición, esa solicitude coa súa sinatura como xeito de favorecer unha maior fiscalización do labor do goberno e ante os atrancos por parte deste para o acceso a expedientes e documentación solicitados por parte das e dos concelleiros.

Mais esa solicitude, feita con antelación ao inicio da crise do COVID-19, non ten hoxe sentido. “Coa que está a caer, non é este o momento de celebrar un pleno referido a expedientes de anos anteriores, non é serio”, afirma a concelleira do BNG. “O que toca agora é tomar acordos e aprobar medidas para facer fronte aos efectos sociais e económicos da crise do coronavirus no noso concello. Eses efectos que xa se están a notar e que seguramente aínda se notarán máis nos meses vindeiros”.

Por esa razón, o BNG anuncia que non participará dese pleno. Máxime cando, desde primeiros de abril e sen éxito, a súa Portavoz Municipal ven instando ao Alcalde a convocar un pleno ordinario. Un pleno onde informar á corporación e á veciñanza sobre o realizado até agora polo goberno na crise do COVID-19, e no que poder debater e aprobar esas medidas tan necesarias para minorar as súas consecuencias nos planos social e económico no concello.

Nese sentido, a organización nacionalista ademais de se ter posto á disposición do goberno para colaborar e aportar toda a súa capacidade de traballo, ten presentado máis de 40 medidas en materia sanitaria, social e económica que atinxen a diversos colectivos sociais, mais sen resposta algunha por parte do goberno socialista.

Hai veciñas e veciños de Gondomar, afectados social, laboral e economicamente, que non poden agardar máis”, indica a voceira do BNG. “O que toca agora é convocar o pleno que hoxe precisa a veciñanza de Gondomar. Non facelo é un irresponsabilidade, Sr. Ferreira”.

BNG Gondomar.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/bng-gondomar/bng-non-participara-pleno-extraordinario-convocado-venres/20200514080437001304.html


© 2020 Bloque Nacionalista Galego de Gondomar

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal