O BNG presenta dúas mocións ao Pleno do Concello de Gondomar

O BNG presenta dúas mocións ao Pleno do Concello de Gondomar

O BNG de Gondomar presentou hoxe dúas mocións ao Pleno do Concello de Gondomar: unha, para que o Concello de Gondomar esixa a retirada do anteproxecto da LOMCE; outra, contra a supresión dos xulgados de paz e para que se garanta a gratuidade dos servizos prestados polos Rexistros Civís.



Moción para reclamar a retirada do anteproxecto da LOMCE


O de momento Anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa (LOMCE), que o PP pretende converter en proxecto de lei, significará, de se consagrar, un reforzamento de moitas cuestións totalmente negativas para o sistema educativo, que os axentes sociais e profesionais levan anos a denunciar. Este anteproxecto presenta un texto que é fondamente centralizador, clasista e sexista, que mercantiliza a educación e pretende afondar nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático. Entre estas eivas, non deixa de ser relevante a falta de diálogo social con que se pretende aprobar e desenvolver, sen participación da comunidade educativa, das asociacións que representan os diferentes colectivos implicados e con grande oposición social e política.

Precisamente contra a LOMCE a comunidade educativa, a través da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público vén de realizar varios peches para reclamar a retirada deste anteproxecto, sendo un deles en Gondomar, no IES Terra de Turonio.

Por este motivo o BNG propón que o Concello de Gondomar reclame a retirada deste Anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa e esixa que a Xunta da Galiza solicite ao goberno do estado a súa retirada por invadir as súas competencias.

Por medio desta moción, o BNG esixe que se considere a necesidade de que o sistema educativo potencie a diversidade lingüística e fomente a lingua propia do noso país, respondendo, desta maneira, ao contexto onde se insire e partindo, por tanto, das distintas realidades lingüísticas que caracterizan e enriquecen o Estado español.

Moción para o mantemento dos Xulgados de Paz


A moción presentada polo BNG reclama que o Concello de Gondomar:

- exprese o seu rexeitamento á proposta do Goberno do Estado relativa á supresión dos Xulgados de Paz e á asunción por parte dos Rexistros da Propiedade e das Notarías das funcións dos Rexistros Civís, instando ao Goberno do Estado á inmediata retirada deste anteproxecto de lei;

- inste á Xunta de Galiza a que demande do Goberno Central o mantemento dos Xulgados de Paz, así como a que se garanta a gratuidade das funcións que prestan os Rexistros Civís; e

- dea traslado deste acordo ao Goberno central e á Xunta de Galiza.

O BNG presenta dúas mocións ao Pleno do Concello de Gondomar