Moción do BNG para garantir o subministro enerxético ás familias

Moción do BNG para garantir o subministro enerxético ás familias

luzO BNG de Gondomar presentou no Concello a solicitude de que se trate unha moción para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza. A moción do BNG propón que o Pleno Municipal adopte os seguintes acordos:

1. Realizar as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, entre tanto, que se adopten as medidas prácticas necesarias para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos.

2. Demandar do Goberno do Estado español que non incremente o recibo da luz para o 2014.

3. Solicitar do Goberno do Estado español que permita a creación dunha tarifa eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, posibilite unhas menores tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

O BNG agarda que o Alcalde teña a sensibilidade de levar esta moción ao pleno, pois a situación que se pretende evitar é unha realidade alarmante que pode verse acrecentada coa nova suba da tarifa. Cómpre considera que só en 2012 duplicouse o número de familias ás que se lles cortou o subministro de luz por impago.

En Galiza hai máis de 650.000 persoas que están en situación de pobreza e 120.000 en estado de pobreza severa; hai 93.000 fogares con todos os seus membros no paro e existen máis de 33.000 fogares sen ningún tipo de ingresos, confirmando datos terríbeis de pobreza infantil que no Estado español acada a cifra de 2,2 millóns de nenos e nenas por baixo do limiar da pobreza ou que 6 de cada 10 familias chegan con maiores dificultades a fin de mes. Os constantes recortes do PP en todos os ámbitos (servizos públicos e sociais, prestacións por desemprego) e o encarecemento da enerxía provocan cada vez máis vítimas da política de desamparo que desenvolven os gobernos do PP no Estado e na Xunta de Galiza contra a cidadanía en xeral.

Para o BNG, o goberno local non só debe garantir por medio da administración municipal e dos servizos sociais públicos o apoio ás persoas que o precisaren, senón que tamén debe impulsar diante do Estado español e da Xunta de Galiza iniciativas para que a prestación de servizos básicos destinados aos grupos máis desfavorecidos estea garantida.

O goberno do Estado español xustifica o fortísimo incremento do recibo da luz dos últimos anos nun suposto déficit tarifario. Así, argumenta que o prezo da electricidade non cobre os custos de produción. Porén, isto é falso. A trampa reside na metodoloxía utilizada para o cálculo do custo de produción a través de poxas no mercado maiorista, o coñecido como “pool” eléctrico. Esta situación prodúcese, ademais, nun contexto en que Galiza é excedentaria na produción de electricidade. Así, mentres padece os custos sociais e medioambientais que supón a xeración de enerxía, non obtén ningún beneficio desta condición.

Moción do BNG para garantir o subministro enerxético ás familias