Imprimir

O SERGAS pretende pechar as consultas de tarde no centro de saúde de Gondomar durante o verán.

bnggondomar | 08 de Xuño de 2018

Continuando coa súa política de recortes e amortización de prazas na atención primaria, o Sergas ven engadir un novo chanzo no desmantelamento da sanidade pública no xa deprimido servizo que presta nesta localidade, ao programar o cesamento das consultas as tardes do verán.

O Centro de Saúde de Gondomar padece unha penuria de recursos humanos, agravada pola ausencia de cobertura para as profesionais sanitarias por baixas ou vacacións. Sirvan de exemplo as carencias en pediatría, cunha soa praza para unha asignación de 1.300 pacientes sen substitución durante as vacacións, ou unha única matrona tamén sen substituta, obrigando á suspensión das revisións xinecolóxicas, do seguimento de embarazos ou da realización de controis ás mulleres.

Por todo o exposto, o BNG de Gondomar solicita do Pleno da Corporación Municipal o acordo de instar ao Goberno Galego a:

1- Garantir por parte do SERGAS a cobertura de todo o persoal sanitario do C.S. Gondomar (o da mañá e o da tarde), para asegurar a atención sanitaria durante o verán e evitar un maior deterioro da prestación do servizo nesta época do ano, na que se incrementa a poboación coas persoas desprazadas ao noso concello.

2- Garantir por parte do SERGAS a substitución do persoal sanitario nos casos de vacacións e baixas médicas desde o inicio da baixa.

3- Instar ao SERGAS a dotar ao Centro de Saúde de Gondomar dunha nova praza de atención pediátrica en horario de tarde, para atender debidamente á poboación infantil do concello, distribuíndo ás crianzas nos dous horarios, e contribuíndo á conciliación laboral e familiar das nais e pais que traballan de mañá.

 

BNG Gondomar

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/sanidade/o-sergas-pretende/20180608191255001155.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Gondomar

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal