Imprimir

PP e PSOE impiden instar á Xunta de Galiza a declarar como praga á vespa velutina

bnggondomar | 14 de decembro de 2017

 O Bloque Nacionalista Galego presentou dúas emendas ao texto dunha moción sobre o asentamento definitivo da vespa velutina na Galiza, debatida no pleno da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor celebrado onte mércores.

Por un lado, propuxo engadir no primeiro punto dos acordos que na comisión de seguemento da problemática da vespa velutina, ademais do tecido asociativo apícola se inclúa a “froiticultores, comunidades de montes e asociacións medioambientais e sociais”, como colectivos tamén implicados. Esta proposta foi aceptada.

Por outro, engadir un novo acordo no sentido de “instar ao Goberno galego a declarar a existencia da praga da vespa velutina nigritorax, e que sexa calificada de utilidade pública a loita contra a praga da vespa velutina nigritorax”. Neste caso o voto en contra do Partido Popular e a abstención do PSOE impediron que a proposta saíra adiante.

A declaración como praga implicaría que, por directiva europea, tivera que iniciarse unha verdadeira campaña encamiñada ao control e erradicación, se está for posible, da praga. Unha campaña dotada da conseguinte e suficiente dotación orzamentaria, que posibilitaría realizar os estudos de campo, investigacións científicas e técnicas, e a formación de persoal cualificado, necesarios para enfrontar con rigurosidade e éxito a loita contra a velutina.

Desde o BNG, que xa ten presentado iniciativas neste sentido con anterioridade, lamentan que PP e PSOE non queiran apoiar esta proposta tendo en conta as consecuencias tan negativas, tanto medioambientais como económicas, desta praga.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/val-minhor/pp-psoe-impiden-instar-xunta-galiza-declarar-praga-vespa-velutina/20171214204623001138.html


© 2019 Bloque Nacionalista Galego de Gondomar

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal