ÍNSTAO TAMÉN A MERCAR LITERATURA EN GALEGO NAS LIBRARÍAS DA VILA PARA A DISTRIBUÍR NOS CENTROS DE ENSINO E PARA ACTUALIZAR OS FONDOS DA BIBLIOTECA MUNICIPAL

O BNG de Gondomar reclama do goberno municipal que promocione a biblioteca de Gondomar e a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

O BNG de Gondomar reclama do goberno municipal que promocione a biblioteca de Gondomar e a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia

O BNG de Gondomar, a través da súa Portavoz Municipal Manuela Rodríguez, vén de presentar unha moción para o seu debate en pleno en que reclama do goberno municipal que promocione a Biblioteca de Gondomar e a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A día de hoxe a Biblioteca de Gondomar pertence á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, porén este feito que amplía as posibilidades de uso da biblioteca non foi debidamente difundido e non é coñecido entre as actuais persoas usuarias ou as que
potencialmente poderían selo. Forman parte desta rede 353 bibliotecas: as 5 de titularidade estatal, as 335 bibliotecas públicas locais e 13 bibliotecas privadas.

A pertenza á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia permite que as persoas con tarxeta
de lectura da Biblioteca de Gondomar poidan coñecer que libros que están noutras bibliotecas pertencentes á rede e mesmo recibir en Gondomar, mediante préstamo interbibliotecario, exemplares de obras que se atopan noutras bibliotecas galegas.

Mais non só. A Rede de Bibliotecas dá acceso a un número importante de recursos en
liña, entre eles a plataforma GaliciaLe en que se poden realizar solicitudes de lecturas ou visionado de películas en liña, unha ferramenta especialmente útil en xeral, mais particularmente en tempos de confinamento como os que pasamos recentemente. Porén, a falta de difusión dunha ferramenta tan oportuna, impediu a súa utilización, nomeadamente ao alumnado dos centros educativos que resultarían especialmente beneficiados desta opción.

“A pertenza á Rede de Bibliotecas ten especial importancia cando, como no caso de Gondomar, unha biblioteca carece dun fondo bibliográfico amplo e actualizado”, indica a Portavoz do BNG. “Hoxe por hoxe, a biblioteca de Gondomar é puramente un contedor de libros envellecidos, que nin sequera están ben clasificados, situación que é o resultado da ausencia de políticas culturais centradas no libro e da carencia de persoal especializado e dedicado a este labor”.

O BNG de Gondomar considera que a situación de desleixo da biblioteca é unha mostra
clara de cal é a política cultural do PSOE en Gondomar: “Unha situación en que as áreas de cultura e educación, as directamente vinculadas coa biblioteca, son xustamente as menos importantes para o Alcalde, se reparamos na distribución das dedicacións exclusivas do actual goberno”, explica. “Tamén unha mostra da incapacidade  aneglixencia, pois nin sequera se lle sabe sacar partido a unha ferramenta utilísima que daría servizo a moitas e moitos usuarios”.

Capítulo a parte merece a ausencia de persoal específico, dotación de fondos e actividades de promoción da lectura, un aspecto varrido de Gondomar polo actual alcalde, e que para o BNG é especialmente importante, ou a arbitrariedade nos horarios de apertura ao público.

Nese sentido, o BNG, entre as medidas de apoio e reactivación do sector cultural presentadas no mes de maio, instaba ao goberno municipal á mercar nas librarías de Gondomar literatura en galego para a distribuír nos centros de ensino e para actualizar os fondos da Biblioteca municipal, tamén como medida de apoio económico ao sector cultural galego e ao pequeno comercio local.

Na moción presentada hoxe, o BNG propón as seguintes medidas:

- Creación dun posto de bibliotecario/a e, mentres non sexa cuberto, se dea formación á persoa que atenda o servizo.

- Información e publicitación da pertenza da biblioteca de Gondomar á Rede de Bibliotecas de Galicia, explicando que posibilidades abre este feito, realizando sesións informativas abertas e que a cada usuario que acceda á biblioteca se lle entregue un folleto informativo ao tempo que é asesorado no acceso a estas novas ferramentas.

- Ampliación e actualización do catálogo de fondos a Biblioteca de Gondomar.

- Promoción da Biblioteca de Gondomar con actividades específicas de promoción da
lectura.

- Establecemento da apertura ao público en horarios de mañá e tarde, coa suficiente amplitude para prestar un bo servizo e tendo en conta tamén os períodos e horarios de estudo para exames do alumnado de ensino medio e superior.

BNG Gondomar
 

O BNG de Gondomar reclama do goberno municipal que promocione a biblioteca de Gondomar e a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia