O BNG denuncia que o goberno de Gondomar pretenda cobrar ás familias o sobrecusto dos comedores que debe pagar a Xunta

O concello comunicou ás familias que deberán pagar 1€ máis por menú.

Ademais adiantan á hora de recollida das crianzas para que o persoal monitor/coidador poida realizar a limpeza e desinfección.

O BNG denuncia que o goberno de Gondomar pretenda cobrar ás familias o sobrecusto dos comedores que debe pagar a Xunta

O BNG de Gondomar denuncia que o goberno municipal socialista comunicou as familias onte mércores, a un día do comezo do curso, que terían que pagar 1€ máis por menú e día. Ademais, na mañá de hoxe, xa co curso iniciado, as familias usuarias dos comedores escolares foron avisadas de que se adiantaba a hora de recollida das súas crianzas, nalgún caso a unha hora antes a respecto do horario de anos anteriores, menoscabando aínda máis as posibilidades de conciliación.

Nuria Lameiro, Tenente de Alcalde e concelleira de Benestar Social, área encargada da xestión dos comedores -en función dun convenio de colaboración coa Xunta de Galiza, asinado no 2018 con Paco Ferreira como Alcalde-, escúdase, por un lado, en que a empresa esixe cobrar un importe mínimo que o concello di non poder garantir, por falta de espazo para cumprir as medidas sanitarias do protocolo Covid e a conseguinte redución no número de menús servidos por día. E por outro, en que lle quixeron pasar xestión á Xunta, pero que nin sequera foron recibidos na Consellería.

Por outro lado, o persoal monitor/coidador dos comedores, na súa maioría mulleres, vai traballar as mesmas horas (2,5h/día), pero con máis carga de traballo. Dedicarán a última parte do tempo á limpeza, recollida e hixienizado, tempo en que non poderá estar presente o alumnado, de aí que teña que ser recollido antes polas familias.

Así as cousas, este curso o menú diario sairá en algo máis de 5€, dous por enriba do contratado no seu día por concurso (xa tivera outro incremento de un euro hai aproximadamente un ano), pagando ás familias 4,14€/menú. E, segundo palabras da propia Lameiro, non vai a ser pola mellora dos propios menús, cousa que non sobraría.

Onde están entón a eficacia e a eficiencia na xestión da que presume este goberno municipal con maioría absoluta? Onde, se ás primeiras de cambio claudica ante a empresa de catering e claudica ante a Xunta?”, pregúntase a Portavoz Municipal do BNG en Gondomar, Manuela Rodríguez .

Desde o BNG instan ao Sr. ferreira e a Sra. Lameiro a que fagan o seu traballo, que xestionen as súas áreas e os seus compromisos actuais: “Non boten enriba das familias as consecuencias da súa incompetencia e falta de xestión. Non lles trasladen a elas os problemas que debe resolver o seu goberno e que tiñan que ter previsto hai varios meses”.

O BNG ínstaos a que negocien o que sexa mester coas direccións dos centros e que, ante os problemas de espazo, lles ofrezan solucións que permitan o uso do servizo do comedor a todas as familias que o solicitaron, para facilitar a conciliación, mais tamén para asegurar maior ingreso sen incrementar o prezo de cada menú.

E con respecto á Xunta, a Portavoz do BNG ínstaos a que “re-negocien o convenio; exíxanlle ao goberno de Feijóo que asuma as súas competencias. Saian dos seus despachos, plántense en San Caetano e non se movan de alí mentres o Presidente da Xunta e o acabado de estrear Conselleiro de Educación non garantan o pago dos sobrecustos producidos pola Covid na prestación dun servizo básico para a conciliación. E no entanto, que o concello os asuma e manteña as condicións que inicialmente estaban previstas”.

As familias, e desde logo o BNG, estaremos aí para defender, entre outros, estes servizos básicos”, afirma Manuela Rodríguez.

 

BNG Gondomar.

O BNG denuncia que o goberno de Gondomar pretenda cobrar ás familias o sobrecusto dos comedores que debe pagar a Xunta