CONVOCAN CONCENTRACIÓN PARA O XOVES ANTES DO PLENO EN DEMANDA DO COMPROMISO DE PRESTACIÓN DOS SERVIZOS DE COMEDOR E AULAS MATINAIS

O BNG denuncia que Xunta e Concello aínda non confirmaron as familias se van ter servizo de comedor escolar no vindeiro curso

Gondomar_Concentración_3xuño

Manuela Rodríguez: “É intolerable que, a menos dun mes da matrícula, as familias aínda non saiban se van ter ese servizo para as súas crianzas nos colexios de Gondomar”.

O BNG denuncia que Xunta e Concello aínda non confirmaron as familias se van ter servizo de comedor escolar no vindeiro curso

Gondomar, 29 de maio de 2021.- O Bloque Nacionalista Galego denuncia que Xunta e Concello aínda non confirmaron se nos colexios de Gondomar vai haber servizo de comedor no vindeiro curso 2021-2022. A menos dun mes de se iniciar o prazo de matrícula -comeza o 20 de xuño-, as familias non saben se van ter ese servizo no centro no que reservaron praza para as súas crianzas.

A instancia das ANPAs, estas mantiveron unha reunión co Alcalde e a Concelleira de Benestar Social a primeiros de maio. Nela, o goberno local manifestoulles que o martes 11 íanse reunir con representantes do goberno Xunta para acordar as condicións do servizo. Unha semana despois souberon que esa reunión fora anulada. “É intolerable que case un mes despois nin Ferreira nin Lameiro se puxeran en contacto coas representantes das familias para darlles unha resposta, nin sequera unha chamada” denuncia Manuela Rodríguez, a portavoz municipal do BNG.

Ante esta situación, o BNG convoca unha concentración para o vindeiro xoves día 3 antes do pleno, ás 19:00h, en demanda do compromiso firme de prestación e xestión do servizo. Sexa directamente pola Xunta, que é quen ten a competencia; sexa polo Concello a través de convenio, como viu facendo nos últimos sete anos.

O BNG tamén esixe que o concello asuma as aulas matinais

O BNG tamén esixe do goberno local a asunción do servizo de aulas matinais que xunto o de comedor constitúen servizos que ademais de seren esenciais para a conciliación familiar e laboral, son necesarios para o alumnado das zonas máis afastadas dos centros de ensino, e, en moitos casos, a única garantía dunha boa alimentación.

Hai que lle lembrar á concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro, que a Área de Emprego e Conciliación do IV Plan de Igualdade (2017-2020) da Concellaría de Igualdade, da que tamén é titular, contempla como obxectivo específico o establecemento de “actuacións que permitan e favorezan o avance en materia de conciliación da vida laboral, familiar e persoal de mulleres e homes da localidade”. E entre as accións para conseguir ese obxectivo di textualmente “pulo á posta en marcha dun servizo municipal de Aula Matinal en colaboración cos centros educativos da zona como sistema que facilite a conciliación da vida laboral, persoal e familiar das mulleres e homes de Gondomar”.

O IV Plan de Igualdade fixaba os anos 2019-2020 como obxectivo temporal para a posta en marcha dese servizo municipal de aulas matinais, que non foi acadado. Dado que o citado plan foi prorrogado até 2022, “desde o BNG instamos á concelleira de igualdade a cumprir ese obxectivo no vindeiro curso 2021-2022”, indica Rodríguez.

 

O BNG denuncia que Xunta e Concello aínda non confirmaron as familias se van ter servizo de comedor escolar no vindeiro curso