O pleno de Gondomar aproba a moción do BNG en solidariedade co pobo palestino

Concentracións Palestina 21102024
Concentracións Palestina 21102024

A organización nacionalista chama a veciñanza do Val Miñor a participar nas concentracións contra o xenocidio que periodicamente se celebran na Ramallosa

O pleno de Gondomar aproba a moción do BNG en solidariedade co pobo palestino

Gondomar, outubro de 2024.- O pleno municipal de Gondomar aprobou a moción do BNG de apoio e solidariedade coa Palestina e de rexeitamento do xenocidio que o estado sionista de Israel está a perpretrar contra o pobo palestino.

Na moción apélase a que, sendo o Concello a institución máis próxima ao sentir da cidadanía, tamén a corporación de Gondomar faga súa esta preocupación e as demandas do sentir popular e denuncie a grave vulneración do dereito internacional e os crimes de guerra que día a día e ano tras ano está a cometer o Estado de Israel.

Diante da traumática situación de proporcións catastróficas que afecta a zona enteira do Medio Oriente así como o resto do mundo, “debemos comprometernos colectivamente” a seguir demostrando a nosa solidariedade e a defensa do dereito do pobo palestino a dispor dun estado propio, esixindo o cesamento inmediato das agresións israelís e a procura activa dunha solución pacífica e negociada.

Así mesmo, na iniciativa demándase a suspensión inmediata e total da venda e subministración de armamentos e outros materiais a Israel por parte dos todos os estados membros da Unión Europea, así como a rotura de relacións e o boicot económico o estado sionista.

Lémbrase na moción que, o pasado 18 de setembro, a Asemblea Xeral da ONU adoptou por abafante maioría unha resolución para esixir a fin da ocupación dos territorios palestinos. Esta resolución “pide a Israel que poña fin sen demora á súa presenza ilegal nos territorios palestinos ocupados, incluído Xerusalén Este”. Esixe ademais, a Israel, que devolva as terras roubadas á poboación palestina, permita o retorno ás persoas desprazadas e proceda e reparar aos damnificados, e pide, ademais, á comunidade internacional que non recoñeza as consecuencias territoriais, legais nin demográficas da ocupación de territorio palestino.

O BNG, como organización antiimperialista, antibelicista e que defende a solidariedade entre os pobos como piar da convivencia e a paz mundial, esixe o cumprimento deses acordos. Para reivindicalos, chama a veciñanza do Val Miñor a participar nas concentracións contra o xenocidio que periodicamente teñen lugar na Ramallosa.


 

O pleno de Gondomar aproba a moción do BNG en solidariedade co pobo palestino