NA AULA IMPÁRTENSE DENDE HAI ANOS CLASES DE MANUALIDADES NAS QUE PARTICIPA ALUMNADO DA PARROQUIA DE MAÑUFE E DOUTRAS DO CONCELLO
O BNG de Gondomar insta ao Concello a explicar o cambio de peche da escola unitaria de Nande que deixa sen acceso aos actuais usuarios
O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar solicita do Concello información a respecto do cambio de pechadura da Escola Unitaria de Nande que deixa sen acceso, sen previo aviso e sen explicación algunha, ao alumnado das actividades que se veñen impartindo dende hai anos nesa aula da parroquia de Mañufe.
Gondomar, xuño de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar solicita do Concello información a respecto do cambio de pechadura da Escola Unitaria de Nande que deixa sen acceso, sen previo aviso e sen explicación algunha, ao alumnado das actividades que se veñen impartindo dende hai anos nesa aula da parroquia de Mañufe.
Familias do alumnado trasladan ao BNG que, a pasada semana, monitora e alumnado atopáronse cun letreiro na porta que indicaba que a pechadura estaba cambiada, polo que non puideron entrar nas dependencias para dar a clase. No letreiro figuraba “Concello Gondomar” polo que entenden que o cambio da pechadura foi unha orde do goberno local, aínda que de momento ninguén lles aclarou as causas desta repentina decisión.
Este feito impediulles o acceso ao interior da aula para poder dar o fin de curso ás clases que remataban este mes de xuño por vacacións estivais. Tiveron que recurrir á policía local para poder acceder ao interior da aula a recoller os obxectos persoais, aínda que, tal como relatan as familias, a pertenzas da asociación que até o de agora facía uso da aula seguen alí á espera de resposta e solución.
Descoñecen as razóns deste inesperado peche xa que por parte do Concello aínda non se puxeron en contacto para explicar nada. Pola súa parte, o BNG insta ao goberno local a “explicar as razóns desta actuación” e sinalan que, sexa cales foran as causas, “estas non son formas de actuar”, polo que consideran que “desde o Concello debe desculparse coas persoas afectadas”, indica a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.