O BNG de Gondomar desenvolve unha campaña pola seguridade viaria e a mellora da mobilidade nas estradas que discorren polo concello

BorreirosBeirarrúas_Concello
BorreirosBeirarrúas_Concello

A primeira acción é de denuncia a través da colocación de carteis que visibilizan os problemas existentes e sinalan a administración responsable da estrada en que se atopan

Manuela Rodríguez, portavoz municipal do BNG: “Queremos parroquias seguras, espazos humanizados, con beirarrúas, beiravías ou sendas peonís, con pasos de peóns seguros. Demandamos actuacións que melloren a nosa calidade de vida, que reduzan a sinistralidade e os riscos asociados ao tráfico”

O BNG de Gondomar desenvolve unha campaña pola seguridade viaria e a mellora da mobilidade nas estradas que discorren polo concello

Gondomar, 17 de outubro de 2025.- O BNG desenvolve unha campaña a prol da seguridade viaria e da mellora da mobilidade nas estradas que discorren por Gondomar. A primeira acción é de denuncia a través da colocación en diversos puntos do concello de carteis que visibilizan os problemas existentes e sinalan a administración responsable da estrada en que se atopan.

Comezando polas estradas de titularidade da Xunta de Galiza, no caso da estrada PO-331, Gondomar-O Porriño, sinálase que o tramo que discorre polo centro da parroquia de Vincios soporta un volume de tráfico excesivo e perigoso que se traduce nun grave problema para a seguridade das persoas e provoca contaminación acústica e ambiental.

Denúnciase tamén que os pasos de peóns existentes nese tramo son inseguros por falta de elevación e iluminación, o que incrementa a sinistralidade e o índice de atropelo. E que a parte que vai desde o Tumbio até Pego Negro carece de beiravía e non ten pasos de peóns, nin sequera nas inmediacións das paradas de autobús.

En canto á estrada PO-341 que atravesa Vincios, Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso, con moitos traxectos de escasa marxe, o que se pon de relevo é a ausencia de senda ou beiravía que permita camiñar con seguridade á veciñanza desas cinco parroquias.

No que respecta a estradas dependentes da Deputación de Pontevedra, na EP-2302 Gondomar-Morgadáns apuntan que seguen sen rematar as beirarrúas en Chaín, obrigando a transitar polo calzada ou cruzar a vía nun lugar de escasa visibilidade. E na estrada EP-2303, en Vilaza, que hai tramos sen barreiras de protección en zonas con desnivel e risco para o tránsito de vehículos.

Polo que corresponde a estradas municipais, denunciase o caso da estrada do Telleiro a Sabarís, na parroquia de Borreiros, onde se sinalan as cunetas sen cubrir con risco de caída e a falta da senda peonil, beiravía ou beirarrúas que o goberno local prometera hai anos.

Por último, a campaña fai fincapé na demanda á Xunta de Galiza para que a AG-57, a denominada autoestrada do Val Miñor, pase a ser gratuíta. A eliminación das peaxes sería un incentivo para converter a autoestrada en circunvalación e alternativa gratuíta á PO-331 e, xunto coas medidas de calmado de tráfico no centro de Vincios, contribuiría a mellorar a calidade de vida e a reducir a sinistralidade e os riscos asociados ao tráfico nesa parroquia. Mais tamén aliviaría o tráfico que opta por circular polo interior de Borreiros para evitar os atascos do cruce da Ramallosa, e reduciría sensiblemente o tráfico que discorre pola PO-332 entre Vincios e Nigrán.

Con esta campaña o BNG non só denuncia e visibiliza os problemas de seguridade viaria no concello, tamén sinala e apela ás administracións titulares das vías de comunicación que o atravesan –Xunta, Deputación e Concello–, para que asuman as súas competencias, atendan ás demandas veciñais e poñan a seguridade das persoas por diante. “Queremos parroquias seguras, espazos humanizados, con beirarrúas, beiravías ou sendas peonís, con pasos de peóns seguros. Demandamos actuacións que melloren a nosa calidade de vida e que reduzan a sinistralidade e os riscos asociados ao tráfico”, sinala a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

O BNG de Gondomar desenvolve unha campaña pola seguridade viaria e a mellora da mobilidade nas estradas que discorren polo concello