O BNG de Gondomar chama á participación nas mobilizacións en solidariedade co pobo palestino

A organización nacionalista anima a veciñanza do Val Miñor a participar este luns 31 de marzo ás 20h na Ramallosa na concentración contra o xenocidio
Gondomar, marzo de 2024.- O BNG de Gondomar chama á participación nas mobilizacións que, en apoio e solidariedade co pobo palestino, se van realizar este luns 31 de marzo. No caso do Val Miñor, a organización nacionalista anima ás veciñas e veciños a participaren na concentración de rexeitamento da ocupación e o xenocidio que o estado de Israel está a perpretrar na Palestina.
Logo da violación da tregua en Gaza, a Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina convoca unha nova xornada nacional de mobilización para denunciar, máis unha vez, a grave vulneración do dereito internacional por parte de Israel.
Lembra o BNG que o pasado 18 de setembro a Asemblea Xeral da ONU adoptou por abafante maioría unha resolución para esixir a fin da ocupación dos territorios palestinos. Unha resolución que “insta a Israel a poñer fin sen demora á súa presenza ilegal nos territorios palestinos ocupados, incluído Xerusalén Este”. Esixe, ademais, a Israel que devolva as terras roubadas á poboación palestina, permita o retorno ás persoas desprazadas e proceda e reparar aos damnificados, e pide, ademais, á comunidade internacional que non recoñeza as consecuencias territoriais, legais nin demográficas da ocupación de territorio palestino.
O BNG, como organización antiimperialista e antibelicista e que defende a solidariedade entre os pobos como piar da convivencia e a paz mundial, esixe o cumprimento deses acordos e o cesamento inmediato dos ataques. É por iso que chama a veciñanza do Val Miñor a participar na concentración contra o xenocidio que terá lugar o luns 31 de marzo, ás 20, no cruce da Ramallosa.