CONSIDERAN AS SÚAS DECLARACIÓNS DE ONTE, A RESPECTO DA AG-57, UNHA CLAUDICACIÓN ANTE O PARTIDO POPULAR
O BNG acusa ao alcalde de renderse ante a Xunta.
O BNG de Gondomar considerá que as declaracións do Alcalde de Gondomar e Presidente actual da Mancomunidade de Concellos do Val Miñor, amosan unha rendición á primeira de cambio ante o Goberno do PP. Así o traslada a súa Responsábel Local, Manuela Rodríguez Pumar, ante as manifestacións do alcalde logo de se ter reunido con representantes do Goberno da Xunta.
“O tempo custa cartos, Sr Ferreira, e no Val Miñor xa levamos 17 anos agardando para que nos eliminen as peaxes abusivas da denominada autoestrada do Miñor”. Esa foi a reivindicación desde o mesmo momento en que se abriu ao tráfico unha AG-57 que nunca cumpriu as funcións de comunicación entre o Val para as que supostamente fora construída.
“A única complicación que atopa o goberno da Xunta para suprimir as peaxes e para rescatar a concesión da AG-57 e que o Partido Popular ten máis compromiso cos intereses da concesionaria que coa defensa dos intereses e demandas da veciñanza do Val Miñor.”
A supresión das peaxes e a travesía de Vincios
Desde o BNG consideramos que eliminación das peaxes xunto cunha campaña de fomento do uso da AG-57 como vía alternativa, entre outras, á travesía de Vincios, permitiría a conversión desta última na vía que precisa a veciñanza da parroquia. Unha vía encadrada dentro dun núcleo de poboación no que o primeiro lugar o ocupen os peóns, as persoas, e non os vehículos.
Así, a modificación do vial que atravesa Vincios debería estar pensada en función da mellora na calidade de vida das persoas que habitan a parroquia de Vincios (reducción da contaminación ambiental e acústica, da perigosidade nas beiravías e nos cruces para crianzas e maiores;...), e non en función do volume de tráfico actual e na actual siniestralidade desa travesía como plantexa o goberno da Xunta de Galiza. Este enfoque pon en evidencia cal é modelo de habitabilidade do PP, lonxe dos máis actuais plans de mobilidade sustentable.
O BNG, logo de se reunir coa representación veciñal, desenvolverá diversas iniciativas en relación co proxecto para ese vial, e manterá a súa campaña de reivindicación da eliminación das peaxes e a prol do rescate da concesión da AG-57. Neste sentido, o pasado 3 de outubro o Grupo Parlamentar do BNG, a través do deputado Luís Bará, presentou en Comisión Parlamentar unha nova iniciativa para o estudo do rescate da concesión da autoestrada AG-57, así como o inicio dos trámites para a supresión da peaxe. O voto en contra do Partido Popular impediu que fora adiante.
BNG Gondomar