O BNG volve reclamar da Xunta a humanización da PO-331 ao seu paso pola parroquia de Vincios

Rexistran unha iniciativa no Parlamento galego para demandar do goberno da Xunta a conversión en travesía urbana da parte que atravesa o centro de Vincios e a construción dunha senda peonil no tramo que discorre polo barrio do Tumbio
Carmela González e Manuela Rodríguez: “Instamos a que o PP, que se negou a incluír estas propostas como emendas aos orzamentos de 2025, impida á maior brevidade que a seguridade das persoas siga en perigo”
O BNG volve reclamar da Xunta á humanización da estrada PO-331 O Porriño-Gondomar ao seu paso pola parroquia de Vincios. A organización nacionalista rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego instando ao goberno da Xunta a converter en travesía urbana a parte que discorre polo centro de Vincios e a construír unha senda peonil no tramo que atravesa o barrio do Tumbio.
A portavoz municipal do Bloque, Manuela Rodríguez, lembra que estas propostas “xa a fixemos a través das emendas aos orzamentos da Xunta para este ano. Mais, como o resto de emendas relativas a Gondomar, foi rexeitada pola maioría parlamentar do PP”.
Por esa razón, o BNG presentounas novamente, a través dunha iniciativa parlamentar aínda pendente de debater, tal como adiantou a deputada Carmela González na reunión mantida en Vincios coas directivas da Comunidade de Montes e do Centro Veciñal e Cultural da parroquia.
Desde o BNG insisten en que esta actuación é unha prioridade para Vincios, unha parroquia que conta coa maior concentración de poboación despois da propia vila de Gondomar. A parroquia está fendida pola metade por unha estrada que conta cun tramo claramente urbano que soporta un volume de tráfico que é perigoso e incompatíbel coa vida normal da veciñanza.
A organización nacionalista defende que é urxente a conversión en travesía urbana do tramo que vai desde a rotonda dos Arcos até á Pasaxe, o centro neurálxico da parroquia, e debe ser a Xunta, como titular da vía, quen debe realizar ese acondicionamento antes de considerar traspasar a súa titularidade ao Concello.
Xunto cos elementos de calmado do tráfico faise precisa outra medida asociada: a eliminación das peaxes da AG-57 para a converter en circunvalación e alternativa gratuíta á PO-331, feito que contribuiría a mellorar a calidade de vida e a reducir a sinistralidade e os riscos asociados ao tráfico.
As nacionalistas Rodríguez e González insisten en que as actuacións de humanización na estrada PO-331 ao seu paso por Vincios son urxentes e instan “a que o goberno do PP na Xunta, que se negou a incluír estas propostas como emendas aos orzamentos de 2025, impida á maior brevidade que a seguridade das persoas siga en perigo”.