O BNG contra o copagamento das medicinas para doenzas crónicas
Álvaro Lores, responsábel local do BNG en Gondomar, presentou hoxe unha moción diante do pleno da corporación municipal para instar á Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado a derrogación da resolución que obriga ao copagamento das medicinas ás persoas doentes crónicas non hospitalizadas, e a que non aplique no noso país esta regresiva medida.
O responsábel local nacionalista manifestou ademais que estas persoas terían que pagar o 10% até os 4,20 euros de cada medicamento dos usados para enfermidades como cancro, tumores, leucemia, hepatite C, artrite reumatoide ou dexeneración muscular. Engadiu que esta medida do PP resulta indigna, inhumana e inxusta, e retrata a un goberno que actúa contra a xente e favorece as grandes fortunas, á banca e ao poder económico.'
Finalmente, Álvaro Lores, dixo que esta medida vén sumarse aos distintos roubos para facer caixa que se executan contra a xente máis desfavorecida, que engrosan as persoas que adquiriron preferentes e subordinadas, as emigrantes retornadas, pensionistas, funcionarias e, en xeral, a clase traballadora, para engordar a banca e o poder'.