O BNG de Gondomar renova o seu Consello local

O BNG de Gondomar renova o seu Consello local

A asemblea de militantes do BNG de Gondomar elixiu por unanimidade a Álvaro Lores novo responsábel local de Gondomar

- O BNG realizou onte unha asemblea extraordinaria para elixir o novo consello local, rematando así o proceso de renovación de organismos iniciado coa XIII Asemblea Nacional.



Esta mañá foi presentado en roda de prensa este novo Consello local. No acto participaron Carme Adán, membro da Executiva nacional do BNG e parlamentaria, Henrique Viéitez, parlamentario do BNG, Xesus López Carreira, vicerresponsábel comarcal do BNG de Vigo e Manuela Rodríguez Pumar, responsábel comarcal do BNG de Vigo, que expresaron o seu apoio á organización local.



Na reunión celebrada onte, a asemblea de militantes elixiu por unanimidade a Álvaro Lores Frade como novo responsábel local. Álvaro Lores leva décadas militando no BNG de Gondomar e participa activamente nos movementos sociais, Comunidade de Montes e Ampas, onde desenvolve o seu labor desde hai varios anos. Xunto a Álvaro Lores terán responsabilidades no novo Consello local, Marta Dacosta, vicerrresponsábel, Bieito A. Lobariñas, organización e Ana Bringas, finanzas.



A asemblea local de Gondomar mantén un capital de militantes importante, militantes que onte manifestaron sentirse ilusionados con esta nova etapa e dispostos a colaborar activamente para que o BNG siga sendo en Gondomar unha organización cun peso importante. Isto será así porque o BNG de Gondomar segue a contar cunha base social extensa que xa trasladou durante estes días os seu apoio á organización.



As e os militantes de Gondomar valoraron onte na asemblea local o feito de que os concelleiros escindidos se apropien das actas que soamente corresponden ao BNG, sinalando que esta usurpación non é ética nin lexítima e priva ao BNG da representación municipal que obtivo.



O BNG de Gondomar puxo en marcha un calendario de traballo que irá perfilando ao longo dos vindeiros días. O BNG en Gondomar segue activo e conectado coa sociedade, estando presente alí onde se tratan os temas que máis preocupan á cidadanía, como se comprobou no acto sobre as preferentes, celebrado o pasado día 13 de abril, ou mediante a participación na Plataforma en defensa da Sanidade en Gondomar. A privación da representación municipal non vai impedir que o BNG realice ese traballo político pegado á cidadanía para dar resposta aos problemas de Gondomar e da sociedade galega.

A nova nos medios:

O BNG de Gondomar renova o seu Consello local