Manuela R. Pumar, cabeza de lista do BNG en Gondomar nas municipais
O Bloque Nacionalista Galego celebrou no día de onte unha asemblea en que elixiu a persoa que encabezará a candidatura nas vindeiras municipais de 24 de maio de 2015. A asemblea decidiu por unanimidade que esta persoa sexa Manuela Rodríguez Pumar. Esta elección está pendente de ser ratificada polo Consello Nacional do BNG que se celebrará o día 7 de febreiro.
Manuela R. Pumar iniciouse en política coa Plataforma Veciñal Independente, creada no seu día para dar unha alternativa democrática a Gondomar e superar a continuidade dun alcalde que viña do franquismo. Desde entón, Manuela Rodríguez implicouse na política municipal e comezou militar no BNG.
No BNG ocupou e ocupa diversas responsabilidades, chegando ser responsábel comarcal de Vigo. Na actualidade é a responsábel de organización da comarca e integrante do Consello Nacional do BNG.
En Gondomar, Manuela R. Pumar é unha persoa recoñecida polo seu traballo en diversos ámbitos: no veciñal, no cultural, nas anpas, e actualmente participa activamente en diversas entidades e colectivos sociais.
Ademais da elección de Manuela R. Pumar, a asemblea local do BNG tratou os criterios para a elaboración da candidatura ás municipais, en que xa está traballando, así como para a elaboración do programa.