Moción para reclamar a modificación da Lei Hipotecaria
O BNG de Gondomar presentou no Rexistro do Concello unha moción para reclamar que o Pleno do Concello inste á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado que proceda á modificación da Lei Hipotecaria, con carácter retroactivo, para dar solución ao grave drama social dos desafiuzamentos por impago das hipotecas.
A crise económica, onde a burbulla inmobiliaria tivo un papel fundamental, está a provocar un aumento desmesurado de desafiuzamentos que nos pon diante dun drama social de dimensións preocupantes. Medra o número de familias que quedan sen fogar, os bancos quédanse coas vivendas, pero a débeda segue pendente. A voracidade dos bancos non se satisfai cos casos dramáticos de familias e persoas que logo de pagar altas amortizacións e intereses polos préstamos son botadas fóra do seu fogar. Con casos tan vergoñentos como de familias desafiuzadas cando a penas lles quedaban por pagar 6.000 ou 10.000 euros.
Entre xaneiro e xuño deste ano a xustiza do Estado español ten autorizado en Galiza o desafiuzamento de máis de 3.000 vivendas ou negocios por non poderlle pagar ao banco, e téñense iniciado máis de 48.000 procesos de execución que pretenden o mesmo destino, en todo o Estado. En total, desde o principio da crise en 2007, son máis de 9.000 expedientes que afectan a familias galegas que conteñen auténticas traxedias humanas e incluso suicidios, no caso do Estado.
As reunións agora entre PP e PSOE non poden ocultar que, en reiteradas ocasións desde marzo de 2011, os dous partidos se opuxeron ás alternativas subscritas polo BNG no Congreso dos Deputados. De nada valen lamentos e panos quentes a un problema que esixe medidas contundentes, modificacións na lexislación hipotecaria e solucións claras e firmes.
A banca, que ten recibido miles de millóns de diñeiro público para sanear as consecuencias das súas aventuras inmobiliarias, non quere adoptar medidas voluntarias para resolver este problema. Nestes momentos de crise non concede créditos á cidadanía nin ao empresariado autónomo, pequeno ou mediano, pero en cambio son intransixente nas sumarias execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras sen contemplacións.
O BNG, ao igual que outros sectores sociais, e mesmo a xudicatura, demandan medidas lexislativas e sociais para impedir este desaforo. Medidas para atender os casos máis dramáticos, para evitar o desamparo das persoas e familias en situación económica extrema. Por este motivo o BNG de Gondomar reclama que o Pleno da Corporación municipal se posicione ante este problema e ademais da modificación da Lei Hipotecaria, reclama que se habilite un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos, que se cree unha Oficina de Asesoramento para Familias ameazadas polos desafiuzamentos e unha Bolsa de Vivenda Social, esixindo das entidades bancarias e de aforro que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte da mesma para o aluguer social ou venda a prezo taxado.
No ámbito municipal o BNG reclama a creación dunha Comisión Especial para atender casos de desafiuzamentos, reclamar das entidades bancarias e de aforro información sobre posíbeis desafiuzamentos que afecten a familias do concello, a paralización dos que estean en marcha e a súa colaboración coa Comisión Municipal creada para Casos de Desafiuzamento e, se non houber colaboración, prescindir dos servizos que as mesmas poidan prestar ao Concello.