DIANTE DUNHA NOVA XORNADA DE ASOLAGAMENTOS
O BNG lamenta que os continuos atrasos das obras para reducir os efectos das enchentes do Miñor volvan ser a causa das inundacións en Gondomar
Denuncian que Xunta e Concello levan anos de desencontros e acusacións cruzadas, poñendo os seus intereses partidistas por diante do interese xeral do concello
Consideran ademais que, dada a alerta metereolóxica por chuvias, o goberno local debeu en poñer en marcha xa o domingo o plan de emerxencia
GONDOMAR, 28 de xaneiro de 2026.- Diante dunha nova xornada de asolagamentos na Vila o pasado luns, o Bloque Nacionalista Galego lamenta que os continuos atrasos das obras para reducir os efectos das enchentes do Miñor volvan ser a causa das inundacións en Gondomar. Como reiteradamente vén denunciando o BNG, Xunta e Concello levan anos de desencontros e acusacións cruzadas, “poñendo os seus intereses partidistas por diante do interese xeral do concello”, indica a portavoz municipal, Manuela Rodríguez.
Unhas obras que afectan á confluencia dos ríos Miñor e Zamáns proxectadas en 2012, que non foron adxudicadas até novembro de 2022, que nunca se levaron a cabo porque goberno galego do PP e goberno local do PSOE non deron acordado un plan de execución do proxecto e dous anos despois quedou desbotado, “mentres en Gondomar se sucedían os desbordamentos”, critican desde o BNG.
En febreiro de 2025 a Xunta anuncia a remodelación do proxecto inicial, e en xullo publica que vai sacar a licitación un novo proxecto por un valor de 3,5M€ e que pretende que se poidan iniciar as obras no veran de 2026, “pero nos medios de comunicación continúan os reproches, dunha parte e doutra, o que non dá tranquilidade á veciñanza de Gondomar afectada polas inundacións, que se pregunta se desta vez vai ir adiante ou non” sinala Rodríguez.
O plan de emerxencia activouse tarde
Por outra parte, e dada a alerta metereolóxica activada polo risco de grandes precipitacións, o BNG considera que o goberno local debeu poñer en marcha o plan de actuación municipal ante o risco de inundacións (PAMRI) xa o domingo. Afortunadamente non houbo danos persoais e, nesta ocasión, os danos materiais non foron tan graves como no nadal de 2022, pero os protocolos e as medidas para reducir o impacto negativo de inundacións ou choivas torrenciais sobre a poboación e os bens privados e públicos “deberían terse activado con maior antelación para atallar antes a situación”.
A voceira do BNG vén de solicitar a celebración, unha vez que a situación metereolóxica o permita, dunha xunta de portavoces en que o goberno local traslade ao conxunto da corporación a información dos danos producidos polas enchentes, das actuacións realizadas ao respecto e tamén de cal é o estado do proxecto de Augas de Galicia para reducir o risco de inundacións en Gondomar.