O BNG pregunta pola existencia dunha cámara de vixilancia nunha sala municipal de uso público en Gondomar
O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar denuncia a existencia dunha cámara de vixilancia na sala de reunións do Centro Neural de Gondomar e solicita explicacións ao goberno pola súa colocación.
Esta información xa fora solicitada con anterioridade pola responsábel local do BNG, a través do rexistro xeral do concello, e non se obtivo resposta. Con data de hoxe solicitárona de novo.
Na solicitude pregúntanse as razóns polas que se instalou esa cámara nun local público de uso público e tamén se solicita información sobre quen, onde e en que momento se tomou o acordo de instalala, e se existen outras cámaras similares noutras dependencias municipais.
O BNG considera que se debe explicar por que se instala unha cámara de vixilancia nesa sala do Centro Neural na que, ademais de cursos de formación e actos do propio concello, tamén se realizan, previa solicitude, asembleas, charlas e actos públicos de organizacións sociais e políticas.
“As persoas que utilizamos ese ben municipal temos dereito a saber que uso se lle da a ese sistema de vixilancia e por que non existe no local ningunha indicación da súa existencia nin da normativa legal que regula o seu uso”, apunta Manuela Rguez.