O ALCALDE, TAMÉN RESPONSABLE DE ECONOMÍA E FACENDA, PRORROGA NOVAMENTE O ORZAMENTO DO PP DO 2012

O BNG denuncia a incapacidade política do goberno de Gondomar para elaborar un orzamento propio por terceiro ano consecutivo

IMG-20170602-WA0007
O BNG denuncia a incapacidade política do goberno de Gondomar para elaborar un orzamento propio por terceiro ano consecutivo

Diante das manifestacións do Alcalde, responsable da área de Economía e Facenda, nas que recoñece a súa incapacidade para aprobar un orzamento propio por terceiro ano consecutivo, o BNG de Gondomar, a través da súa Responsábel Local, Manuela Rodríguez, denuncia a incompetencia do goberno do Sr. Ferreira para deseñar e aprobar unhas contas adaptadas ás necesidades actuais do concello, limitando, unha vez máis, a acción política do concello no 2018 a un deseño do PP que xa era malo no ano 2012.

Se o ano pasado atribuía a ausencia de proxecto á baixa laboral da interventora municipal, este ano alega que non tivo tempo suficiente para elaboralo. Escusas que faltan ao respecto de veciñas e veciños de Gondomar, e que fan que estes se pregunten se a falta de tempo non se deberá a esa multipresenza do Alcalde en todo canto acto concorran cámaras e micrófonos, tirándose fotos diante de cada árbore podada ou cada bombilla substituída. Ou gabándose de realizacións conseguidas sempre grazas a axudas e proxectos financiados por outras administracións, nomeadamente pola Deputación, centradas basicamente en mellorar a imaxe do centro da vila esquecendo as necesidades máis básicas das parroquias.

“Se o problema é que esta moi ocupado, desde o BNG instamos ao Sr. Ferreira a que, por responsabiliade, delegue a área de Economía e Facenda noutra persoa do seu goberno que lle queira adicar o tempo necesario”. Mais se a verdadeira razón é que é incapaz de conseguir os apoios necesarios para aprobar as contas por estar en minoría, “instámolo a que sexa valente e vincule a aprobación a unha cuestión de confianza supeditando a súa continuidade no cargo a que a oposición facilite a aprobación das contas ou presente unha moción de censura.”

Porque a falla dun orzamento actualizado provoca que non se poidan reforzar e mellorar servizos básicos que se deben prestar, e que proxectos e actividades se vexan coutadas pola falla de dotación económica.

En resumo, moito facebook e moita mediática do alcalde, mais Gondomar segue coma hai anos: sen novo centro de saúde, sen servizos sociais suficientes para as necesidades do concello, sen regulamento de participación veciñal, sen un servizo de transporte suficente e máis barato, sen plan xeral, sen rematar o saneamento (que non é integral),... E por riba, co mesmo orzamento. Fraco balance para dous anos e medio de goberno.

BNG Gondomar

O BNG denuncia a incapacidade política do goberno de Gondomar para elaborar un orzamento propio por terceiro ano consecutivo